Daniel Castro criticou a García Comesaña por non exercer as súas competencias en materia sanitaria e non ofrecer unha solución á “fuga de persoal” forzada polas “condicións de traballo precarias” neste hospital
Santiago de Compostela, 10 de maio 2023.- O BNG levou ao Pleno da Cámara a situación do persoal sanitario do Hospital de Burela, que procura destinos noutros centros por mor da situación “de estrés laboral, sobrecarga de traballo e condicións precarias”, criticou o deputado da Mariña, Daniel Castro.
O parlamentario nacionalista quixo dar a volta ao argumentario Popular “porque mentres vostedes relacionan os problemas da sanidade pública coa falta de médicos, aquí iso non ocorre”, criticou, en alusión a saída de persoal facultativo “que comezou ca marcha de enfermeiras e enfermeiros e persoal de fisioterapia, sabemos perfectamente que marcharon a territorios como Asturies e Euskadi e vostedes dixeron que marchaban por “motivos persoais”, iso é mentira”, incidiu.
Castro fixo referencia a saídas recentes de máis persoal do centro sanitario, como “un facultativo de Hospitalización a Domicilio a mediados de febreiro, dous facultativos do Servizo de Urxencias, un a finais de marzo e outro en abril, un médico especialista en neuroloxía, a finais de xaneiro e varios facultativos de Medicina Interna en xuño”, relatou, sen esquecer que unha das prazas vacantes desde decembro segue sen cubrirse a día de hoxe.
“Toda esta xente marcha por cuestións persoais? Vívese tan mal na Mariña?”, preguntouse o deputado mariñán sobre a responsabilidade do Executivo do PP en competencia sanitaria en Galiza, e fixo mención ás denuncias “das e dos facultativos, que sinalan a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, depresión, dermatite, problemas dixestivos e cardíacos”.
“Debido a falta de internistas neste hospital tivéronlle que pagar taxis a médicos de Lugo para que foran ao hospital de Burela”, reprobou Castro a García Comesaña, ao que lle botou en cara “o seu non á ILP con máis sinaturas da historia de Galiza a prol dunha sanidade pública mellor”. Un conselleiro de Sanidade que escusou as baixas nos motivos persoais do persoal facultativo, mais non aclarou situacións “como que dun total de dez internistas só haxa tres dispoñibles, pero é algo normal na normalidade dun PP que non lle estraña ir a velocidade de Fórmula 1 no coche da Deputación de Ourense”, concluíu Castro.