O balance do último pleno: tres anos para aprobar o inventario municipal e máis de cinco meses de tardanza para conceder licenza para unha obra social sobre a que o PP xa preguntara o ano pasado
Burela, 10 de maio de 2023. O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, considera que “volver repetir un goberno socialista suporía lentitude e desidia na tramitación burocrática e na toma de decisións” e iso “impide que Burela poda rexurdir das súas cinzas”. Así o puxo de manifesto tralo pleno deste mércores no que “quedou clara, unha vez máis, a forma de proceder do goberno socialista de Burela á fronte do cal está o señor Llano, o señor Fernández Rey e a señora López Moreno”.
O voceiro popular considera que “tres anos para aprobar o inventario municipal é un tempo inasumible para un Concello. Estamos a falar de practicamente un mandato para unha cuestión que, de media, acostuma durar como moito un ano. Pero o feito de que tarden mes e medio en resolver cada unha das alegacións presentadas, non axuda moito”. Rouco explica que “este é o ritmo de traballo ao que nos teñen acostumados tanto o alcalde coma os seus tenentes de alcalde”, entre os que se atopa a candidata do PSOE á alcaldía.
“O mesmo sucedeu cos outros dous puntos da orde do día da sesión plenaria. Un deles tiña como obxectivo regularizar unha licenza de obra de carácter social, algo que xa fora pedido polo Grupo Municipal Popular no pleno do pasado mes de decembro e que xa tiña que ter sido tramitado. Pero, na súa dinámica de arrastrar os pés, o PSOE burelés tardou máis de cinco meses en tramitar este asunto”, engade.
OS FEITOS DAN A RAZÓN AO PARTIDO POPULAR
“Hoxe constatouse tamén que o PP de Burela estaba no certo cando advertía, ao comezo do mandato, que o incremento inxustificado do custe do contrato de recollida do lixo -máis de 160.000 euros ao ano-, non ía levar aparellada ningunha mellora salarial nin das condicións laborais dos traballadores”, lembra o popular.
Rouco explica que “mentres que os mandatarios socialistas, especialmente o señor Ramiro Fernández, se empeñaron en negalo; agora constátase esa mentira do goberno do PSOE coa concentración dos traballadores da empresa adxudicataria ás portas da Casa do Concello xusto á saída do pleno”.
O candidato popular cre que “Burela é incapaz de seguir aguantando a parsimonia e ineficacia de sucesivos gobernos socialistas” fronte ao que ofrece “unha xestión eficiente e, sobre todo, atención aos veciños e traballadores”.