As fases II e III do Plan director do Hospital da Mariña acadan un investimento, por parte da Xunta de Galicia, de 30 millóns de euros
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023. O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Consellería de Sanidade pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.
Ao respecto destas obras de ampliación, cómpre remarcar que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou, recentemente, ao persoal do hospital, o proxecto arquitectónico das fases II e III do Plan director, no que a Xunta de Galicia investirá 30 millóns de euros para completar a reforma deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde. Estes 30 millóns engádense aos 19 investidos nas obras previas.
A obra ampliará 4.000 m2 e reformará outros 8.200, con importantes aumentos nas áreas de urxencias, radioloxía, laboratorio ou docencia. En concreto, ampliarase nun 14% a superficie do hospital de día polivalente, nun 20% a superficie das urxencias e mailo PAC, noutro 20% a zona de radioloxía, nun 23% a área de anatomía patolóxica, nun 26% o espazo do laboratorio, e ata un 40% a área de cirurxía maior ambulatoria.
A culminación desta reforma suporá aumentar a superficie do hospital case un 70%, pasando dos 16.700 m2 que tiña en 2015 aos 28.200 cos que rematará tras esta última actuación; e investirase en total case 50 millóns de euros nas distintas fases deste proceso de renovación integral.