As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Mar visitaron unha boia do Observatorio Costeiro de Galicia instalada en Ribeira
Ribeira (A Coruña), 2 de maio de 2023. As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe unha boia do Observatorio Costeiro de Galicia -reinstalada recentemente fronte á costa de Ribeira tras realizarlle distintas melloras- para enxalzar o intenso labor que realizan os investigadores galegos na recollida de datos no medio mariño co obxectivo de mellorar a xestión das zonas costeiras e prever incidencias como as derivadas de fenómenos meteorolóxicos adversos ou do cambio climático.
Ángeles Vazquez salientou que Galicia conta con importantes centros de referencia nacional e internacional que traballan na obtención e análise de múltiples parámetros como as condicións do vento ou do mar, a temperatura da auga, as oscilacións de salinidade ou as correntes.
Toda esa información, engadiu, é de grande utilidade para desenvolver modelos de predición do estado do mar, a interpretación dos fenómenos mariños, o seguimento do impacto do cambio climático na costa, o apoio á xestión dos recursos vivos ou a actuación ante posibles episodios de contaminación mariña accidental.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subliñou que un bo exemplo dese intenso labor é o Observatorio Costeiro de Galicia -do que forma parte esta boia, unha das seis estacións automáticas de recollida e envío de información que forman parte del-, no que participan importantes centros galegos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e Meteogalicia.
Rosa Quintana, pola súa banda, enxalzou o excelente traballo que realizan os técnicos e investigadores galegos para dotar ás administracións e ao conxunto da cidadanía dos mellores datos. Esa información, salientou, é clave para realizar unha adecuada xestión dos recursos e garantir que a súa explotación sexa sustentable. Ademais, permite reaccionar con axilidade ante eventos excepcionais no mar e buscar o mellor xeito de actuar para velar polo bo estado das distintas poboacións.
A titular de Mar puxo de relevo que a obtención e análise de datos en continuo é unha ferramenta fundamental para adoptar medidas axeitadas para a protección do litoral e subliñou que toda esa información non se restrinxe a un uso interno, senón que se pon de xeito inmediato a disposición dos sectores produtivos, do resto de investigadores e do conxunto da cidadanía para coñecemento e aproveitamento xeral.
As conselleiras, que estiveron acompañadas por responsables e técnicos do Intecmar, Cetmar e Meteogalicia así como por outras autoridades, asistiron a unha presentación na lonxa de Ribeira sobre o labor que realiza o Observatorio Costeiro de Galicia e posteriormente embarcaron para visitar esta estación automática.
A boia
A boia reinstalada en Ribeira, ademais dos parámetros meteorolóxicos e oceanográficos habituais, incorporará novos sensores para optimizar a recollida de datos e ampliar a información obtida das condicións do mar. Eses traballos de mellora foron realizados polo Cetmar -responsable do mantemento da rede de estacións automáticas do Observatorio Costeiro de Galicia- para proporcionar información de calidade aos distintos sectores vencellados co medio mariño.
O observatorio, que leva operativo case dúas décadas, suma a estas plataformas automáticas unha rede de mostraxe conformada por 43 estacións oceanográficas e a rede galega meteorolóxica, integrada por 160 instalacións de toma de datos. A este labor engádense outras tarefas como a elaboración de modelos numéricos de predición e reanálise, a xestión da información e a realización de produtos e servizos específicos para os usuarios finais.
Esta ferramenta galega na que participan o Intecmar, o Cetmar e Meteogalicia tamén forma parte do observatorio transfronteirizo RAIA, co que amplía a súa colaboración a outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal fortalecendo a infraestrutura de observación da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.