Foz 30 de abril de 2023. O mural fotográfico da Praza Conde de Fontao de Foz loce completamente renovado tras a intervención impulsada pola tenencia da alcaldía do Concello de Foz para recuperar este emblema da vila.
A actuación incluíu a renovación dos paneis fotográficos e da estrutura de madeira. O mosaico inclúe un total de 88 imaxes, que permiten facer un percorrido pola historia de Foz e das súas parroquias desde as primeiras décadas do século XX ata os anos oitenta.
A maioría das fotografías aluden ao mar e aos seus oficios, recollendo a esencia dunha vila que medrou a carón do mar. Mais tamén se atopan imaxes de celebracións populares, acontecementos sociais, edificios e paisaxes, que son parte da memoria colectiva da veciñanza.
O Tenente alcalde Francisco Xavier Fanego agradeceu a colaboración de Xesús do Breogán na escolla das fotos. Suliñou o simbolismo desta mostra fotográfica ao aire libre, que pon en valor a tradición mariñeira e labrega de Foz, tamén dos seus costumes e as súas xentes.
A actuación, que supuxo un investimento de 25.000 euros, contou coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.