Viveiro, 28 de abril de 2023. O Concello de Viveiro anuncia o comezo do programa de visitas guiadas que terá lugar ao longo dos fins de semana e festivos do mes de maio. A través dos percorridos polos distintos emprazamentos da contorna do Landro, darase a coñecer a importancia ecolóxica e cultural deste espazo de Importancia Comunitaria integrado na Rede Natura 2000.
En total son nove as xornadas con temáticas variadas pero un mesmo fío condutor. Deste xeito fanse complementarias.
As actividades teñen carácter gratuíto pero é preciso a reserva previa no correo electrónico: viveirovisitas@gmail.com onde tamén se pode consultar calquera información adicional como a distancia e a dificultade dos itinerarios.
“Animo a todos os veciños e veciñas a inscribirse e a participar. Trátase dunha forma moi didáctica de descubrir o noso patrimonio natural e cultural, un Viveiro que estamos acostumados a ver pero do que sempre podemos aprender curiosidades”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
A axenda completa inclúe nove rutas que o primeiro fin de semana percorrerán a Ruta dos Muíños de Balea (sábado día 6 con saída da estación de autobuses ás 16:30 h.) e o domingo o Paseo fluvial do Río Landro (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.).
O sábado 13 o Paseo será polo Galdo (Saída de Portochao ás 16:30 h.) e o día seguinte pola Praia de Covas (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.), mentres que o mércores 17, Día das Letras Galegas, percorrerá o Casco Histórico (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.).
Pola súa banda, o día 20 os inscritos achegaranse ata o Porto de Celeiro (Saída da estación de autobuses ás 16:30 h.) e o 21 ata Trasviveiro (Saída do cemiterio de Landrove ás 11:00 h.).
Na derradeira fin de semana de actividade, a ruta será por Souto da Retorta (día 27 con saída do aparcadoiro en Chavín ás 16:30 h.) e polo Via Crucis do Monte Castelo (día 28 con saída do polígono de Landrove ás 11:00 h).