Ribadeo, 25 de abril de 2023. Cento cincuenta estudantes do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e do Ceip Gregorio Sanz participaron onte nun roteiro que xirou arredor de A gruta da torre, novela xuvenil da que é autor o lucense Lois Pérez, que acadou o premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade 2021, convocado polo IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba e Edicións Xerais. A devandita obra discorre por varios lugares da vila ribadense.
O roteiro tivo lugar durante a mañá de onte, luns. De 9 a 11 para o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e de 12 a 14 horas para as rapazas e os rapaces do Ceip Gregorio Sanz. Coa axuda de Lois Pérez descubriron de primeira man os lugares polos que transcorre a súa novela, a Torre dos Moreno, a rúa San Roque, a Illa Pancha, a rúa da Trinidade, a Atalaia ou Cabanela. Estas foron algunhas das paradas onde o alumnado e o profesorado puideron profundar en aspectos e anécdotas do libro.
Esta ruta enmarcouse no ciclo o Concello cos Coles, que busca ofrecer desde as diferentes áreas municipais actividades complementarias durante todo o curso aos centros de ensino ribadenses.