Nota de Prensa
Máis de 400 persoas buscan traballo no Centro de Innovación Social da Deputación
– Con esta iniciativa, a 1ª para o benestar en Galicia, o organismo provincial insertará laboralmente a 27 desempregados da provincia e achegará as novas tecnoloxías ás persoas maiores e ós colectivos con maior problema para atopar traballo
– A lista de admitidos publicarase a finais da vindeira semana na páxina web da Deputación e no taboleiro informativo
– Gómez Besteiro inicia o luns o curso político cunha xuntanza cos Alcaldes na que lles explicará o programa formativo que permitirá insertar a 540 desempregados nas profesións con futuro dentro do “Pacto Provincial polo Emprego”
A Deputación está a desenvolver un programa pioneiro que permitirá frear o desemprego na provincia e achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores e a aqueles colectivos con maior problema para atopar un posto de traballo. Trátase do Centro de Innovación Social (CIS), co-financiado polo Ministeiro de de Industria, Comercio e Turismo ó abeiro do Plan Avanza e co se insertarán laboralmente a 27 desempregados da provincia. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou o éxito de convocatoria, “xa que foron moitas as persoas que amosaron o seu interese. A vindeira semana teremos a lista de admitidos do proceso de selección ó que xa se presentaron máis de 400 persoas”.
O CIS contra cun investimento total de 1,5 millóns de euros e será un catalizador da innovación co que se busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Estará a pleno rendemento en 2011, nas instalacións da Fundación TIC. A este respecto, Gato Soengas indicou que “este foi un proxecto que o propio señor Barreiro cualificou no seu momento de “chiringuito”, pero uns días depois o goberno de Feijóo tomou boa nota desta iniciativa e e crearon unha cousa parecida”.
É o primeiro centro experimental para o benestar social en Galicia. En España existen outras infraestruturas semellantes en Cataluña, Bilbao e Guipuscua. Dende el desenvolveranse e probaranse produtos e servizos que favorezan o benestar social, o que creará postos de traballo nun dos nichos de emprego máis importantes desta provincia. Esta iniciativa é un laboratorio cidadán no que, a través da innovación e a investigación, será posible mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente da terceira idade e dependentes, un colectivo moi numeroso na provincia.
Reunión Alcaldes “Pacto Provincial polo Emprego”
O vindeiro luns o Presidente da Deputación retoma o curso político. Ese día, ás 11:00 horas, no Salón de Actos, manterá unha xuntanza cos Alcaldes da provincia e técnicos municipais para explicarlles o ambicioso programa formativo que o organismo provincial, a través do INLUDES, porá en marcha a partir do 15 de setembro para crear novos postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro.
Trátase da primeira reunión que Besteiro manterá cos Alcaldes despois do verán e na que que se dará conta amplamente desta iniciativa da que se beneficiarán 540 desempregados dentro do proxecto “Pacto Provincial polo Emprego”, dotado con 3,4 millóns de euros e co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo.
“Deste xeito, a Deputación demostra, unha vez máis, a utilidade da administración. E isto non ten nada que ver co outro pacto polo emprego que creou a anterior Xunta e que dende que entrou o novo goberno nada sabemos del. Por iso, hai aquí unha diferenza, xa que nós imos dar formación a aqueles colectivos que teñen dificultades para atopar traballo”.
Está dirixido a aquelas persoas que teñen maiores dificultades para atopar un posto de traballo, é dicir, a desempregados de longa duración, mulleres maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou vítimas de malos tratos; en definitiva, a aqueles colectivos que aínda se viron máis afectados pola crise económica.
As persoas que cumpran as características poderán realizar a inscrición ata o 15 de setembro, de 8:00 a 15:00 horas, chamando ó teléfono do INLUDWES 982 265 334 e no correo electrónico pactoemprego@deputacionlugo.org. Con todo, dado o aluvión de chamadas e consultas que se rexistraron no INLUDES estase barallando a ampliación do prazo.
Acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación provisional de catro novas actuacións do canon hidroeléctrico 2008-2009 dos Concellos de Paradela e Chantada. Suman un total de 268.254 euros e son as seguintes: acceso de Cortiñas de Barán a Monte Lagüela e rexenaración do Camiño de Cruce Lagüela a Mazo, en Paradela; e mellora do Camiño de Penasillas a Sillán e acondicionamento dos accesos en Pereira e Baltar, no municipio chantadino.
Tamén se deu o visto e prace a 14 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009 nos Concellos de Sober (2), Antas de Ulla, Bóveda, Castroverde, Cospeito, Fonsagrada, Guntín, Monforte de Lemos, Mondoñedo, As Nogais, A Pontenova, Ribeira de Piquín e O Valadouro. O importe das actuacións ascende a 127.954 euros, dos que a Deputación subvenciona 91.065.