Burela, 21 de abril de 2023. En breve rematarán as obras de instalación de mobiliario no Monte Castelo, onde tamén se plantan árbores autóctonas. Estes traballos fanse con cargo a unha subvención de 30.000 euros recibida polo Concello de Burela. Así o contou hoxe o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor dixo que “derivado dunha subvención duns 30.000 euros que acadamos no Concello de Burela estase a renovar parte do mobiliario urbano na área recreativa de Monte Castelo”.
Llano indicou que “esta subvención é para destinala a lugares turísticos e aproveitamos para usala tamén en mellorar o medio ambiente. Por tanto para que a xente teña unha motivación para ir ao monte Castelo e observar a extraordinaria vista que hai desde alí vamos colocar información na zona onde está o telescopio panorámico e ordenar todo aquilo. Incluso vamos poñer unha especie de pedestal para que os nenos pequenos poidan subirse e usar o telescopio. Tamén instalamos mesas e bancos novos para sentarse a merendar ou simplemente a falar. Ademais imos plantar árbores autóctonas de interese botánico”.
O alcalde de Burela seguiu a relatar que “nun muíño que había en Cinoche, na Vila do Medio, vamos colocar un cartel informativo no que se verá como era e como funcionaba este muíño”.
Para Alfredo Llano “todo isto que estamos a facer motiva un turismo explicitamente favorable a percorrer rutas de sendeirismo ao mesmo tempo que ve cuestións etnográficas importantes e na área recreativa de Monte Castelo poden sentarse a xantar no mobiliario que se está colocando. Tamén se están facendo unha serie de valados de madeira, que quedan perfectamente integrados na paisaxe e ofrecen seguridade e unha estética extraordinaria”.
E engadiu: “en pouco tempo culminaranse xa estas obras. Animamos aos veciños e ás veciñas de Burela a que suban cando poidan e para os de fóra vai ser unha motivación máis para visitar o noso concello”.