A concentración promovida por SOS Sanidade Pública será simultánea en todo o país
A Mariña 20 de abril de 2023. A Plataforma sanitaria da Mariña convoca unha concentración diante do centro de saúde de Burela o vindeiro mércores 26 de abril ás 20 horas. Esta concentración, promovida por SOS Sanidade Pública, plataforma da que somos parte, realizarase de forma simultánea na maioría de localidades de todo o país.
Este acto reivindicativo, que responde ao lema “Queremos a nosa Atención Primaria”, retoma as mobilizacións que durante meses percorreron os diferentes centros sanitarios da comarca acompañados da recollida de sinaturas en apoio da ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria. O logro de máis de cincuenta mil sinaturas en todo o país culminou nunha manifestación multitudinaria e histórica en Santiago que foi cualificada como o “ Nunca Máis da Sanidade”.
O colectivo sanitario volve poñer no foco da atención a Atención Primaria por ser o eixo central do sistema sanitario, e advirte que o seu desmantelamento esta a producir un xeito de reaccións en cadea que trascenden este nivel asistencial e que poñen tamén en perigo a atención hospitalaria, xa de por si moi deteriorada.
Segundo explica Montse Porteiro, portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña, o goberno galego nada fixo para arranxar os problemas dos que adoece a sanidade pública e continúa a falta de persoal sanitario de todas as categorias. As nosa crianzas seguen sen pediatra, non se substitúe ao persoal sanitario con permisos ou baixas, o persoal administrativo ten unha carga de traballo inasumible sen que desde a administración reforcen a este colectivo, obrigándoos por outra banda a utilizar ferramentas de traballo que non axilizan a asistencia pero que si multiplican a súa carga de traballo e vulneran a intimidade do paciente. Tamén advirten desde o colectivo que estamos case ás portas do verán e esta comarca multiplicará por tres a súa poboación, sen que desde o Sergas se puxeran solucións, co perigo real de que se colapsen os dous niveis asistenciais, sen previsións de reforzar o persoal e cuns profesionais en todas as categorías que están ao límite da súa resistencia, esgotadas, maltratadas pola administración e en moitos casos sufrindo problemas de saúde físicos e mentais derivados de estres continuado ao que están sometidos. “Cremos que o sistema vai rebentar e as consecuencias serán imprevisibles e desastrosas para o conxunto da sanidade pública”- explican.
Por todos este motivos desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña chaman ás veciñas e veciños da comarca a acudir a esta concentración diante do Centro de Saúde de Burela e amosar a nosa repulsa ante o desmantelamento que está a sufrir a sanidade pública e está a conducir á privatización da sanidade a pasos axigantados. “Advertimos de que o experimento de privatizar tamén a Atención Primaria que o PP iniciou en Andalucía pronto chegará aquí” -conclúen.