José Tomé Roca asiste entre hoxe e mañá ao congreso no que o PSOE debate e aproba o Programa Marco de cara ás eleccións municipais, demostrando a súa fortaleza, dinamismo e capacidade de ilusionar de cara á cita coas urnas do 28 de maio
Valencia, 15 de abril de 2023. O Secretario Xeral do PsdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, encabeza a ampla delegación lucense que participa entre hoxe e mañá na Conferencia Municipal organizada polo Partido Socialista en Valencia -na Cidade das Artes e as Ciencias- para debater e aprobar o Programa Marco de cara ás vindeiras eleccións municipais.
Un congreso no que o partido reforza o seu carácter municipalista, e amosa a súa fortaleza, dinamismo e capacidade de ilusionar ante a cita coas urnas do 28 de maio presentando aos mellores candidatos e candidatas para desenvolver un proxecto de futuro para os seus concellos.
Os socialistas poñen así mesmo en valor con este encontro político a función esencial das entidades locais -concellos e deputacións- para mellorar a vida da xente, e a capacidade que demostra o Partido Socialista para escoitar e atender os intereses e as necesidades da cidadanía, poñendo sempre ás persoas no centro da súa acción política.
Xunto ao Secretario Xeral na provincia, participan na Conferencia Municipal de Valencia a Alcaldesa de Lugo e Vicesecretaria Xeral do PSdeG, Lara Méndez; as alcaldesas de Viveiro, María Loureiro, e de Vilalba, Elba Veleiro; o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; a candidata á Alcaldía de Castro de Rei, Alba Sinde; a Deputada autonómica Patricia Otero; os deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro; e o Senador César Mogo, entre outros.
O congreso foi inaugurado esta mañá pola Ministra de Facenda e Función Pública e Vicesecretaria Xeral do PSOE, María Jesús Montero, e o ex Presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, un acto tras o que se celebran durante toda a xornada comisións para o debate en torno aos eidos que identifican a acción socialista, como as políticas sociais, a sostibilidade, a innovación e a igualdade de xénero.
José Tomé Roca forma parte da comisión Municipios Sabios-Smart City e Seguros, que coordina a candidata á Alcaldía de Madrid, Reyes Maroto.