Viveiro, 14 de abril de 2023. O Concello de Viveiro colabora un ano máis coa Semana Santa dos Nenos que se celebra hoxe e mañá, dende as 18:00 horas, promovida polos veciños de Campo de Urraca.
Máis de 200 cativos tomarán parte dun dos actos máis emotivos da Semana Santa viveirense, declarada de Interese Turístico Internacional, e que mestura con este tipo de actividades tradición, devoción e colaboración cidadá.
“É un momento especial. Saber que os máis pequenos da casa se implican dende tan novos nunha data tan destacada para a nosa vila, que cada vez son máis os que queren participar na procesión, portar os pasos ou tocar os tambores, é un motivo de felicidade”, subliña a alcaldesa María Loureiro.
“A Semana Santa de Viveiro ten un pasado glorioso, un presente que ano a ano fainos medrar en número de visitantes e en eloxios dos que a veñen a desfrutar, e con actos así se demostra que tamén ten futuro”, engade a rexedora.