Castiñeira comparte a demanda dos veciños da conexión da praia de Areoura co resto da parroquia mediante un paseo marítimo
Foz, 14 de abril de 2023. Profundamente convencidos do papel fundamental que xogan as asociacións na vertebración da sociedade, os populares de Foz manteñen aberto un proceso de continua escoita activa para coñecer de primeira man as súas demandas, preocupacións e necesidades. Ao fío da celebración en maio das eleccións locais, o PP de Foz desenvolve un calendario de reunións con distintos colectivos. O portavoz e candidato á alcaldía polo PP, Javier Castiñeira, sinala: “ O PP de Foz ten moi claro que os membros das asociacións de todo tipo, veciñais, culturais e de calquera outro eido, non só deben elixir aos responsables municipais o 28 de maio, senón que deben participar na elaboración dos programas electorais. E nesa liña de escoita activa que ten o PP, no día de onte reunímonos coa Asociación de Montes e Veciños de Cangas, unha parroquia moi importante de Foz, porque despois do núcleo urbano é a máis poboada do concello”.
Castiñeira explica: “Dende sempre o PP de Foz tivo unha grandísima relación con esta asociación de veciños, que funciona moi ben e que sempre nos transmitiu as súas prioridades. Nós, dende o PP, ben dende o goberno ben dende a oposición, tratamos sempre de cumprir. Un exemplo son as beirarrúas na estrada autonómica de Cangas a Ferreira, na zona urbana, na que, durante o goberno do PP, se fixeron gran parte das beirarrúas e, na oposición, conseguimos que se remate o último tramo. No seu momento axudamos á apertura do tanatorio e procuramos atender tamén ás outras cuestións que nos transmiten”.
Os requirimentos básicos da asociación, segundo explica Castiñeira, son “a mellora das estradas do concello, así como dalgúns servizos como o do alumeado, o de recollida de lixo e limpeza, que son moi mellorables; queren tamén máis equidade no reparto dos fondos municipais”. Os populares concordan totalmente e manteñen a súa proposta “para facer un Plan de Parroquias antes dos orzamentos municipais, para que inclúan un reparto obxectivo entre todas elas, tratando de eliminar o actual desequilibrio entre os investimentos na zona rural e a urbana”.
Outras das demandas do colectivo son cuestións moi propias de Cangas, “como é a mellora dos acceso á praia de Areoura, un requirimento de hai moitos anos, que, de momento, non se cumpriu; outra é a de buscar unha solución a reitoral, un edificio singular desta parroquia que está en moi mal estado; xunto co Bispado e os propios veciños hai que buscar un fin para este edificio e acometer as melloras precisas”. A asociación demanda tamén a prolongación dos paseos marítimos, para comunicar Areoura co resto da parroquia cun paseo marítimo”.