Entre os meses de xullo e setembro, este equipamento acollerá cinco quendas de actividades relacionadas coa natureza e a náutica dentro da edición deste ano da Campaña de Verán
Viveiro, 6 de abril de 2023. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o campamento xuvenil ‘Area’ de Viveiro, que será un dos escenarios da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Nestas instalacións e na súa contorna desenvolveranse un campamento de natureza, con actividades de concienciación ambiental e náuticas.
En total, terán lugar cinco quendas diferentes entre os meses de xullo e setembro, e nas tres primeiras as mozas e mozos galegos convivirán cos que veñan do País Vasco, A Rioxa e Castela León. A programación inclúe actividades de vela, windsurf, wakeboard, kaiac, slacline praia, paddle surf, cometas de tradición, palas, volei praia e excursións. Para ser admitido neste campamento é necesario saber nadar.
Baixo o título ‘O verán que sempre vas lembrar’, a Xunta oferta unha programación estival con máis de 11.200 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas. As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o vindeiro 18 de abril, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.
Residencia Betania
Fabiola García aproveitou a súa visita a Viveiro para pasar parte da mañá con usuarios e persoal da residencia de maiores Betania. Este centro, de iniciativa social, conta con 130 prazas para persoas dependentes e autónomas.