Hai agora máis ou menos dous anos Pablo Iglesias demitía como vicepresidente do Goberno do Estado e requiría do seu presidente, Pedro Sánchez, o nomeamento como vicepresidenta de Yolanda Díaz á quen unxiu de vez como candidata de Unidas Podemos para as vindeiras eleccións xerais.
Nestes dous anos Yolanda Díaz construiu unha imaxe mediática de sorriso, diálogo e xestión progresista, ao longo dun delongadamente demorado proceso de dúbidas que, pola contra, non afortalou os alicerces sociais do seu espazo político. Aínda recoñecendo que non foron tempos doados para a política de rúa, Yolanda Díaz estragou tempos e posibilidades de actuación sen que saibamos moi ben o que aprendeu nese suposto proceso de “escoita” das bases que xustificaría os seus malfadados tempos.
A moción de censura da caspa española e os cálculos electorais de Pedro Sánchez ofrecéronlle este día unha boa oportunidade mediática de proxectar a súa razonabilidade cordial, que contrastaba coa mensaxe de España monolítica, machista e clasista de Abascal e Tamames. Xa que logo viuse obrigada presentar a súa candidatura este domingo 2-A, dous anos despois! do seu nomeamento por cooptación decidido por Iglesias.
Nestes dous anos Yolanda acadou o apoio de Más Madrid e Más País, IU e PCE, Equo e outros grupos verdes, Chunta Aragonesista, Compromìs e os canarios de Drago, canda outros grupos locais. Pola contra non foi quen de pactar coa xente de Iglesias (que seguen a mandar en Podemos) a necesaria unidade para que este invento electoral sexa eficaz. Podemos esixe primarias abertas previo rexistro para elixir as persoas candidatas nas vindeiras estatais. Yolanda Díaz accede á proposta de primarias, mais sen definir a súa fasquía nin perímetro censual. Sen dúbida as trampulleiras mañas de Echenique nas primarias para a elección das persoas candidatas de En Marea nas nacionais galegas de 2016 remanece presente nos miolos da política ferrolá.
Mentres, as dúas ponlas da esquerda española extra PSOE non van ser quen de enfrontar as eleccións municipais (nin as autonómicas de varios territorios) dende candidaturas de unidade. Sen dúbida yolandistas e podemitas arelan maximizar sobre os outros a súa vantaxe relativa despois do proceso electoral do 28-M. Mais o certo é que os danos directos e colaterais dos uns e dos outros poden mancar de xeito substancial as posibilidades electorais de Yolanda Díaz e das súas forzas aliadas nas eleccións estatais da fin deste 2023.