No PP de Foz sinalan que estiveron moito tempo interesándose polo proxecto para Porto Chico, para que avanzara
Foz, 29 de marzo de 2023. Cando as eleccións locais xa están á volta da esquina, todos os veciños de Foz teñen claro que a xestión non é o forte do alcalde, Fran Cajoto (PSOE). Seguramente, tamén el é consciente de que a súa habilidade como xestor non dá moito de si e, por iso mesmo, reiteradamente insta ao PP a xestionar investimentos da Xunta en Foz. E cando a Administración autonómica ten novos proxectos para o municipio, Cajoto quéixase e acusa aos populares de deslealdade. O portavoz popular, Javier Castiñeira, cre que o alcalde “sufre un ataque de celos” e pregúntalle “se fixo algunha xestión neste sentido ou pensa que de brazos cruzados se conseguen as cousas”.
Castiñeira sinala: “No Partido Popular de Foz non entendemos ao señor Cajoto, por que está practicamente a diario dicindo ao PP que traia cousas para Foz e que negocie cousas coa Xunta de Galicia, e cando o facemos, critícanos. Así o viñemos facendo nestes últimos catro anos, a pesar de estar na oposición”. Como consecuencia do traballo dos populares, conseguiuse, di Castiñeira, “financiación para a nova depuradora, cuxas obras, por importe de case 10 millóns de euros, están a punto de empezar; financiación para arranxar o IES de Foz, que é practicamente outro millón de euros; estivemos traballando arreo co Consorcio de Benestar para tratar de dar solución ao problema que creou o señor Cajoto coa Residencia”.
“Non sei de que se queixa o señor Cajoto, o PP-di o portavoz popular- tiña pedida cita dende había tempo para coñecer este proxecto; estivemos moitos meses interesándonos para que avanzara. Non vemos porque o señor Cajoto ten que falar de deslealdade institucional; el si que é o primeiro que incorre en deslealdade, que mal recibe aquí ás autoridades e é o primeiro que critica á Xunta de Galicia”.
Castiñeira di: “O PP de Foz seguirá traballando sempre para Foz, polos intereses de Foz; neste caso, fixémolo estando pendente deste proxecto importante en Porto Chico e alegrámonos de que se avanzara. O que debe facer o alcalde é alegrarse porque o PP de Foz fai o que el pediu, que traballaramos en positivo coa Xunta de Galicia; creo que a súa crítica pode obedecer a un ataque de celos polo traballo do PP na oposición durante estes catro anos”.