O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación felicitou a José Ramón Besteiro: “Para min é unha satisfacción moi grande, persoal e tamén colectiva de tódolos compañeiros, despois destes sete anos que lle fixeron pasar, con mentiras, falsidades e inventos”
Lugo, 28 de marzo de 2023. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou sobre a volta de José Ramón Gomez Besteiro á primeira liña da política e da representación institucional co seu nomeamento como Delegado do Goberno en Galicia que “hoxe é un gran día para Lugo e para Galicia, un gran día para o PSOE e un moi mal día para o Partido Popular”.
En declaracións aos medios, previas ao Pleno da Deputación de Lugo, José Tomé manifestou: “Para min é unha satisfacción moi grande, persoal e tamén colectiva de tódolos compañeiros. Por iso, o primeiro que quero é felicitalo a el porque o merece, despois destes sete anos que lle fixeron pasar, con mentiras, con falsidades e con inventos”.
Sobre a súa nova responsabilidade mostrouse convencido de que “vai facer unha excelente labor á fronte da Delegación do Goberno en Galicia. É un home con experiencia política que conta cunha traxectoria política enorme”.
“Candia debe pedir desculpas públicas ou irse da política”
“Eu que xa teño unha dilatada vida sindical e política no ámbito público, nunca vin un caso semellante como o que a señora Candia lle fixo a José Ramón Gómez Besteiro, inventándose anónimos, dos que despois perde o sobre. Non sabía que inventar para, a través dunha mentira, facer o dano político e persoal que fixo esta señora”. “Espero que teña a dignidade de pedir desculpas e, senón, o que ten que facer é irse da política, porque non vale todo. E sobre todo, se quere ser Alcaldesa da capital da provincia, que non o vai a ser, desde logo ten que empezar a ter outras formas, porque non valen as mañas que está practicando a señora Candia”.
Preguntado polos medios de comunicación por unha futura candidatura de Besteiro á Xunta de Galicia, Tomé Roca asegurou que “poder ser un candidato excelente para todo. A partir de aí, ten que ser el o que diga en que terreo de xogo quere xogar”. E insistiu, “hoxe é un bo día para o PSOE, pero para o PP non tanto, xa tiveron demasiados bos días baseándose en mentiras e en anónimos inventados”.
Tamén se referiu ao nomeamento de Jose Miñones como novo Ministro de Sanidade. “Eu xa tiven a ocasión de felicitalo, coñézoo na súa etapa de Alcalde, xa que gañamos as eleccións xuntos no 2015. Teño moi boa relación con el, e sei que vai facer un excelente traballo. Ademais, coñece moi ben a problemática da sanidade galega, que esta desmontada. Nunca estivo tan mal en Galicia como co Goberno do PP, que levan gobernando dende o 2009. E o señor Feijóo, que foi dar leccións a Madrid, pero vai dando tumbos, non esta en posición de dar leccións de nada, e menos de sanidade”.
“Eu creo que Miñones vai ser sensible cunha problemática que hai, que non xerou o PSOE. En Madrid xerouna Ayuso, aquí en Galicia primeiro Feijóo e agora Rueda, e en Andalucía están privatizando a Atención Primaria. Esta situación non se viu nunca na historia deste país, nin sequera con Franco ocorría iso, pero está ocorrendo co PP totalmente nas mans de VOX ”, afirmou.