Xove, 22 de marzo, 2023. A par dos traballos de conservación restauración das ruinas da antiga igrexa parroquial de San Tirso de Portocelo, promovidos polo concello de Xove, van pouco a pouco desvelándose elementos ocultos polo paso do tempo.
Os traballos realizados polo equipo multidisciplinar que está traballando nesa área arqueolóxica atoparon restos de pintura pariental de cor vermella ainda ben conservada pese a que a igrexa leva case cen anos abandonada. Este achádego augura a conservación de amplos murais decorativos nas partes baixas dos muros, especialmente na cabeceira, o que obriga a ser cautos coas intervencións a realizar, para evitar o seu deterioro ata acometer traballos de conservación futuros. A sondaxe arqueolóxica efectuada permitiu tamén recuperar a soleira que daba acceso á sacristía, hoxendía desaparecida, e parte do chan da igrexa de laxas de granito en regular estado de conservación. A tradición oral dos vecinos refire que o chan da antiga igrexa foi arrincado para reutilizalo no patio da igrexa nova, situada actualmente no núcleo de Vilachá.
Os traballos de limpeza detectaron tamén a existencia de dous elementos ornamentais con decoración vexetal no presbiteiro (o apoio do baldaquino ou da mesa do altar) dos que sorprende a súa conservación, dado o alto grao de espolio que sufriron os restos da igrexa tralo seu abandono.
Por último, os traballos de limpeza no cementerio permitiron detectar catro cruces grabadas sacralizando o lugar, probablemente cando deixou de funcionar como camposanto e de pechou o seu recinto.
Esta semana proseguirán os traballos de conservación restauración, que se alongarán ata finais de mes. Recordase que se poden facer visitas guiadas á intervención en grupos, contactado para fixar horario co concello de Xove, ou acudindo de luns a venres as 11.30 a entrada da área arqueolóxica de San Tirso de Portocelo.