Vilalba, 21 de Marzo 2023. Veciños e veciñas de Silán (Muras) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convocan unha concentración o vindeiro domingo 26 de marzo, ás 12h., na zona da polémica mina San Acisclo (Muras), para esixir a admisión dos recursos xudiciais presentados e a revocación dos permisos concedidos pola Xunta de Galicia.
Actualmente están interpostos recursos de reposición por parte da veciñanza, organizacións ambientalistas e o SLG, nos que solicitamos a suspensión da autorización da actividade mineira por parte da Xunta de Galicia, para a cal non consta ademais a existencia dunha licencia municipal.
Como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, son múltiples as irregularidades presentes na mina San Acisclo, comezando porque esta concesión e o seu proxecto encádranse na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (Decembro 2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres.
Aliás, a zona a explotar está situada na área de amortecemento e no contorno de protección do ben do patrimonio cultural de Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo -catalogado con código GA27033036-, e que non conta cos necesarios informes de Augas de Galicia, nin con Estudo de Impacto Ambiental.
Esta concesión mineira vén acumulando irregularidades dende a súa solicitude na década dos noventa. De feito, a semana pasada alertamos tamén da presenza de maquinaria na zona, malia non contar con licencia municipal.
Ca concentración convocada en Muras para este domingo 26 de marzo queremos esixir á Xunta de Galicia a tramitación dos recursos presentados polas organizacións sociais e a anulación da autorización outorgada a esta mina, por tratarse dun proxecto que carece das preceptivas autorizacións de augas, ambiental e urbanística.