Viveiro, 18 de marzo de 2023. O Concello de Viveiro enviará o luns un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, “para o inminente repintado da LU-540, que une o noso municipio con Cabreiros”.
O tenente de alcalde, Jesús Fernández Fernández, lembra que en 2019, en plena campaña electoral, o anterior presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, destacaba os tres grandes proxectos do candidato do PP Óscar Rodríguez para Viveiro: o Museo da Semana Santa, a mellora da fachada Marítima e a conexión Viveiro-Cabreiros.
“O Museo da Semana Santa, cun custe aproximado duns tres millóns de euros, non se fixo, e coa mellora da fachada referíanse a tirar os galpóns, cuestión que xa se estaba tramitando e que, polo tanto, foi vender fume”, asegura Fernández.
A conexión Viveiro-Cabreiros continúa pendente. “O pasado ano presentaron unha intención de trazado, á que se presentaron alegacións por parte de varias administracións, sen que nos conste que se lles dera resposta. Agora, en plena campaña, entendemos que van a sacar novamente este proxecto, anunciando a bombo e platillo o seu arranxo”, engade Fernández.
Trátase dunha estrada que está totalmente abandonada, con moitas curvas e un firme perigoso e co risco que conleva a existencia de animais soltos, rexistrándose un accidente hai un par de semanas. Ademais, hai moita dificultade para ver as liñas da estrada cando chove ou hai néboa.
“Polo tanto, mentres non se acometa a obra prometida, solicitamos que se pinte esa estrada, porque son moitos os veciños e veciñas da Mariña Lucense que a utilizan a diario, sobre todo dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, O Vicedo ou Ourol, ao ser a única estrada que teñen de unión con Lugo, Vilalba, Ferrol ou A Coruña, xa que a estrada da costa tamén está como está”, asegura o tenente de alcalde.
“Entendemos que o proxecto anunciado é necesario, pero dende o Concello de Viveiro instamos a que de maneira urxente e de forma provisional, mentres non se proceda a execución dese proxecto, se repinte a estrada LU-540, pois aínda que estamos acabando o inverno, estamos acostumados a que na Gañidoira haxa néboa e chuvias un día si e outro tamén e ante a falta de visibilidade o risco de accidentes aumenta nun 200%”, remata Fernández.