A Administración autonómica toma a iniciativa e buscará unha nova localización para os usuarios do centro, de titularidade municipal, xa que o Concello non achega ningunha solución
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023. A Xunta de Galicia ofrécese a reubicar os 28 maiores que viven no Hospital Asilo de Ribadeo durante as obras de adecuación do inmoble. Pese a que as competencias son municipais, e vendo que o Concello de Ribadeo non achega ningunha solución, o Goberno galego decide tomar a iniciativa e buscará unha nova localización para os usuarios durante o tempo que a Administración local, como titular do centro, realice os traballos.
É importante sinalar que xa no seu momento, e co fin de facilitar este procedemento, a Administración autonómica modificou a normativa que regula as obras en centros de servizos sociais e introduciu cambios que facilitaron unha solución á necesaria adaptación do Hospital Asilo.
Ademais, no 2021 a Xunta de Galicia enviou unha carta ao Concello de Ribadeo onde se lle demandaba que trasladase as posibilidades que existían para adaptar a residencia e o financiamento necesario. Este escrito non obtivo resposta.
Neste senso, tal e como remarca a normativa de Servizos Sociais de Galicia, debería ser o Concello o que propoña unha solución para os residentes mentres se desenvolva a actuación, pero como isto non é así, a Xunta ofrece unha solución para garantir o benestar dos maiores e a tranquilidade dos seus familiares. Por iso, o Goberno galego ofreceralles un lugar no que vivir e estar atendidos nestes meses.
Así mesmo, para analizar as mellores alternativas para os usuarios, a Xunta de Galicia convocou o técnico de servizos sociais do Concello de Ribadeo.
Financiamento
No referente á financiación das obras, a Xunta asinou o pasado ano coa Fegamp un acordo marco de colaboración para destinar 18,5M€ a un plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros para maiores de titularidade municipal. Trátase dunha convocatoria de axudas que se publicou no DOG o 7 de marzo de 2022 e as administracións locais tiveron ata o 22 de abril do mesmo ano para presentar as súas solicitudes. O Concello de Ribadeo non solicitou estas axudas para poder reformar o Hospital Asilo.