O Deputado de Promoción Económica e Social supervisou co Alcalde a furgoneta que se dedicará a tarefas do servizo de augas, mantemento e para dar apoio nas actuacións para as que se precise
Lugo, 9 de marzo de 2023. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, supervisou este xoves en Meira co Alcalde da localidade chairega, Antonio de Dios Álvarez, un novo vehículo que se incorpora ao parque móbil municipal grazas á achega de 22.000€ que fixo a Deputación de Lugo, e os 2.121€ que destinou o Concello.
Trátase dunha furgoneta nova con dúas prazas habilitadas. Arestora o parque móbil municipal só contaba cun coche todoterreo para estas funcións, ao que agora se lle suma este novo vehículo, que conta cunha caixa ampla para transportar ferramenta. Servirá para que o persoal do Concello poida desprazarse polos diferentes núcleos do municipio para desenvolver as tarefas do servizo de augas, atención aos núcleos rurais e para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias.
Esta nova colaboración económica de 22.000€ que fai agora a Deputación de Lugo con Meira súmase, entre outras, ao investimento de máis de 1,3M€ que inxectou neste mandato no concello a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, melloras de estradas, creación de emprego, colaboración co tecido asociativo da localidade, entre outras accións que repercuten no día a día da xente. Ademais, dende finais do 2021 está en funcionamento o Centro de Atención a Maiores que a institución provincial puxo en marcha na localidade.
A cooperación cos 67 concellos da provincia é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, contribuíndo deste xeito a que as entidades locais poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.