José Manuel Balseiro apuntou a necesidade de impulsar un plan para electrificar a totalidade da liña entre Ribadeo e Ferrol, así como o incremento das frecuencias
Compostela, 8 de marzo de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que cuantifique o retraso concreto que sufrirá a renovación da frota da liña ferroviaria de ancho métrico que opera en Galicia e que se outorgue á Comunidade galega as mesmas compensacións anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados da renovación dos trens desta liña ferroviaria, asegurando aos usuarios a gratuidade do servizo, canto menos, ata 2026. Así mesmo, demándase o impulso dun plan para electrificar a totalidade da liña de ferrocarril de ancho métrico que opera en Galicia e se acompañe a necesaria modernización do material rodante desta liña entre Ferrol e Ribadeo co incremento de frecuencias.
O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lembrou que “a finais do pasado mes de xaneiro saltaban todas as alarmas cando Renfe seguía sen recibir ningún dos 31 novos trens, encargados hai tres anos, para renovar a frota ferroviaria da rede de ancho métrico e poucos días despois coñecíamos que as características técnicas destas novas unidades tiñan un erro de cálculo dos gálibos e non collían polos túneles presentes no percorrido”.
“Esta chapuza é un claro síntoma do desprezo e do abandono do Goberno de Pedro Sánchez ás nosas infraestruturas, que traerá aparellada a perda de milleiros de cartos públicos e o retraso, durante polo menos tres anos, do compromiso para a modernización do material rodante da antiga Feve”, indicou Balseiro.
COMPENSACIÓNS
Diante desta situación, o portavoz popular manifestou que “queremos que se cuantifique o retraso concreto que sufrirá a renovación da frota da liña ferroviaria de ancho métrico que opera en Galicia e que se garanta que os novos trens cumpran cos requisitos de deseño interior, confort e moderna tecnoloxía inicialmente previstos, sen perda algunha das condicións de calidade”.
“Ademais, pedimos que o Goberno de Pedro Sánchez incorpore a Galicia nas compensacións que prometeu a Asturias e Cantabria polo atraso na posta en servizo dos novos trens de Feve, compensacións que se traducirán na gratuidade do servizo ata que cheguen as novas unidades”, apuntou José Manuel Balseiro. Así, dixo que “o contrato errado deses trens de ancho métrico afecta tamén á liña entre Ribadeo e Ferrol, pero o desprezo do Ministerio a Galicia chega ata tal punto que nin tan sequera convocou á Xunta á reunión mantida cos gobernos de Asturias e Cantabria para abordar o problema e agora pretende deixarnos fóra das compensacións”.
José Manuel Balseiro afirmou que “o Goberno central está obrigado a corrixir o enorme déficit e facer que se cumpran as melloras técnicas, organizativas e de dotación persoal precisas para garantir o axeitado funcionamento deste servizo ferroviario, porque a realidade é que o funcionamento dos trens de Feve non deixou de deteriorarse desde que Pedro Sánchez accedeu á Presidencia do Goberno”.
Por último, o portavoz popular apuntou que “queremos que se impulse un plan, cos investimentos precisos, para electrificar a totalidade da liña de ferrocarril de ancho métrico que opera en Galicia, nun prazo razoable de tempo e coas condicións que permitan un tráfico mixto de viaxeiros e mercadorías”. “Porque pola liña que une Ribadeo e Ferrol só poden circular trens híbridos, xa que non está electrificada a pesar de que Pedro Sánchez o prometera no seu momento pero aínda non cumpriu o compromiso con esta infraestrutura”, lamentou.