Os populares aseguran que “a xente non entende como en tres anos non se fixo ningunha obra e agora parece que é obsesión do alcalde ter o pobo cheo de valos e vías practicamente cortadas”
Foz, 6 de marzo de 2023. O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, fixo que o seu mandato fora unha “longa noite de pedra” para os focenses, porque a súa xestión foi nula. Agora que se aproximan as eleccións locais, pretende crear a imaxe de que o seu goberno ten a Foz en obras, porque ve con temor, con moita razón, o resultado electoral. Así o indica o portavoz do PP, Javier Castiñeira, que insta a Cajoto a deixar de tomar decisións unilaterais na execución de obras, para evitar os graves problemas que ocasiona, polo escurantismo do seu goberno, aos veciños o desenvolvemento de proxectos como os das rúas Irmandiños e Curros Enríquez. Lamenta “o suplicio” ao que se ven sometidos os veciños que, no caso de Curros Enríquez, leva máis de 50 días pechada.
Castiñeira explica: “Señor Cajoto, humanizar unha rúa non é ter a veciños máis de cincuenta días sen poder acceder aos seus garaxes, especialmente cando algúns deles son moi maiores e outros están enfermos e necesitan os vehículos para a súa mobilidade”. Engade: “Humanizar unha rúa non é priorizar os obxectivos do equipo de goberno ou da empresa contratada, senón ter en conta aos veciños que sofren esas obras para que os obstáculos e os problemas que teñan durante a obra sexan menores”.
Os populares cren que “humanizar unha rúa non é facer un proxecto a escuras, sen informar aos veciños, e que teñan que informarse pola prensa, como poden, para saber como van quedar as súas rúas”.
No PP lamentan “como se están a desenvolver as obras nas rúas Irmandiños e Curros Enríquez”. Castiñeira destaca que “os veciños están fartos deste estado de cousas, porque son moitos días de obras que non lles permiten acceder con normalidade ás súas propiedades e, sobre todo, a falta de atención aos veciños por parte do Concello”. Os populares poñen de relevo “o escurantismo co que o señor Cajoto están levando estas obras”.
Os populares destacan que “a xente non entende tampouco como en tres anos non se fixo ningunha obra e agora parece que é obsesión do alcalde ter o pobo cheo de valos, sinalizacións provisionais e vías practicamente cortadas”. Castiñeira sospeita que se trata dalgún tipo de complexo do goberno local por non ter feita ningunha obra nesta lexislatura e antes das eleccións quere dar sensación de actividade. A sensación que se está dando é de absoluto escurantismo e de deixamento”.
O portavoz popular di: “No PP insistimos en que o señor Cajoto ten que escoitar máis á xente; aínda está a tempo. Non faga, señor alcalde, como noutros asuntos, e non tome decisións unilaterais. Non podemos estar exclusivamente a disposición dos intereses de Cajoto, porque o pobo de Foz é moito máis que iso”.