Ribadeo, 3 de marzo de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, desprazouse esta mañá ata o centro de saúde coa intención de coñecer o alcance do desprendemento dun falso teito. A incidencia foi ocasionada pola grande acumulación de excrementos de pomba. O Concello púxose a disposición da Consellería de Sanidade.
O rexedor comentou que “con grande alarma acudimos a ver que pasaba no centro de saúde e finalmente temos que dicir que non é para tanto. É significativo e curioso porque houbo un desprendemento do falso teito por mor da acumulación de quilos e quilos de excremento de pomba. Durante moitos anos por algún furado ou recuncho se introduciron desde a cuberta exterior a un falso teito debaixo dunhas escaleiras e coa acumulación de excrementos acabouse desprendendo parte dese falso teito”.
Suárez Barcia explicou que “desde o Concello enviamos a persoal de Obras e de Medio Ambiente para que retiren con coidado todo ese excremento, que supoño que servirá de abono para os parques, e tamén nos puxemos a disposición e baixo as instrucións da delegada de Sanidade da Xunta de Galicia para coordinar porque a fin de contas o centro e deles e as obras débeas facer a Xunta para repoñer as instalacións, pero en todo caso a lealdade e a colaboración do Concello de Ribadeo sempre é sistemática, nestas cousas pequenas como noutras grandes”.