Burela, 3 de marzo de 2023. Este venres foi presentado de xeito oficial o novo servizo que ofrecen conxuntamente as Fillas do Divino Celo Rogacionistas e a Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol na localidade de Foz.
O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa” é un servizo gratuíto de prevención e formación no ámbito educativo e sociofamiliar, adicado a mellorar as condicións de convivencia nas unidades familiares que contan con nenos, nenas ou adolescentes e que se atopan nunha situación de certa vulnerabilidade. A finalidade deste proxecto é dotar tanto aos rapaces como aos seus proxenitores das ferramentas socioeducativas e psicosociais necesarias para un adecuado desenvolvemento da vida familiar no seu conxunto.
Este proxecto levado a cabo entre a Cáritas Diocesana e as Fillas do Divino Celo Rogacionistas, que pretende dar unha resposta integral a determinadas necesidades sociais na comarca de A Mariña, enmárcase no convenio alcanzado entre ámbalas dúas institucións co obxectivo de sumar esforzos e traballar conxunta e coordinadamente en favor da infancia, a xuventude e as súas familias.
O proxecto realízase cunha aportación para este ano 2023 de 42.921 euros por parte da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Con esta axuda, tense contratado a unha psicóloga e unha educadora para un período de doce meses.
Neste espazo de intervención preventiva e parentalidade positiva, que arrancou no mes de febreiro, están participando polo momento seis familias e once nenos e nenas e séguese valorando a incorporación de novas familias derivadas dende os servizos sociais e centros educativos.
No acto de presentación asistiron o bispo de Mondoñedo-Ferrol (Fernando García Cadiñanos), a xefa territorial de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia en Lugo (María José Gómez Rodríguez) e o alcalde do concello de Foz (Francisco Cajoto Caserío), ademáis dos representantes das dúas entidades organizadoras.