Foz, 27 de febreiro de 2023. A Delegación de Servizos Sociais do Concello de Foz organiza a comida anual dos maiores para o día 11 de marzo, sábado, na Sala Bahía.
A concelleira Ana Rojo anuncia que “un ano máis o Concello de Foz organiza a comida dos nosos maiores. Dende Área de Servizos Sociais volvemos cos preparativos para levar a cabo esta xuntanza tan esperada. Poderán disfrutar dunha comida totalmente gratuíta á vez que especial, onde os verdadeiros e únicos protagonistas son eles. Deixamos atrás anos duros de pandemia con restricións, prohibicións, separacións e protocolos de actuación. Agora toca volver xuntarnos e relacionarnos de maneira normal e tan ansiada por todos, especialmente polas persoas maiores. Lembramos que eles foron os grandes prexudicados por ese virus tan letal, afectándolles en gran medida na súa saúde e facéndoos vulnerables, dadas as patoloxías asociadas á súa idade, facendo mención e non esquecéndonos dos nosos maiores da residencia de Foz”.
A edil de Servizos Sociais destaca que “o Concello de Foz sabe da importancia que teñen os nosos maiores na nosa vila e nas nosas vidas, recoñecéndolles sempre a valía, esforzo, entrega e dedicación para coas súas familias. A nosa pretensión é que disfruten dunha xornada especial cunha comida que terá lugar o sábado día 11 de marzo ás 14 horas na carpa instalada no lateral da Sala Bahía de Foz, co único obxectivo de que o pasen ben ó longo da tarde noite. Haberá baile e música en directo amenizada polo grupo Nostalgias, ademais das consabidas sorpresas que con tanto entusiasmo reciben”.
Os asistentes degustarán un menú que consistirá en empanada de atún, sopa de marisco, costela asada ó forno con patacas; de sobremesa brazo de xitano, tarta xeada, café, chupitos, ademais de refrescos, auga e viños branco e tinto. “As persoas que poidan ter algunha alerxia ou intolerancia a algún alimento deben facérnolo saber para poder comunicarllo ó servizo de catering, servido por Chao de Brea”, explica Ana Rojo, que ademais indica que os que queiran participar na xuntanza “deben recoller as tarxetas de invitación nos despachos de Servizos Sociais, situados na Avenida da Ribeira ou contactar co mesmo servizo no teléfono 982.13.35.66 en horario de oficina dende este luns, 27 de febreiro, ata o martes 7 de marzo, data derradeira do prazo para anotarse”.
O Concello de Foz anima a participar desta xuntanza ás persoas empadroadas en Foz xubiladas maiores de 60 anos ou que teñan cumpridos os 65 anos. “Queremos que nos acompañen o día 11 de marzo para celebrar e disfrutar todos xuntos nesta data organizada e pensada para eles. Sexan benvidos”, remata Ana Rojo.