Nota de Prensa
MAÑÁ FINALIZAN OS “ENREDOS DE VERÁN” CUNHA FESTA
* A cita será en San Ciprián e consistirá en inchables e nunha festa da espuma para os nenos e nenas que participaron durante os meses de xullo e agosto nas distintas actividades programadas polo Concello de Cervo
Cervo, 26 de agosto de 2010.- Mañá venres, 27 de agosto terá lugar en san Ciprián a festa de clausura das actividades lúdico-educativas “Enredos de Verán” deseñadas conxuntamente polas concellerías de Educación, Cultura e Xuventude do Concello de Cervo durante os meses de xullo e agosto destinadas aos nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.
A festa está adicada aos 70 nenos e nenas de entre 4 a 12 anos que participaron nestes dous meses nos distintos obradoiros e actividades levados a cabo en Cervo e San Ciprián. A celebración dará comezo ás 10.00 da mañá na prazoleta de San Ciprián con inchables e posteriormente -a iso das 11:15 horas- haberá unha festa da espuma nos arredores da praia do Torno. Durante os actos tamén se aproveitará para repartir camisetas e as orlas entre tódolos nenos inscritos nesta primeira edición dos “Enredos de Verán”.
Os “Enredos de Verán” foron actividades de carácter gratuíto subvencionadas na súa integridade polo Concello de Cervo nas que participaron ao redor de 70 nenos e nenas do municipio. Desenvolvéronse de luns a venres en horario de mañá e ían dirixidas a nenos e nenas nacidos entre os anos 1998 e 2006. Entre a programación deseñada figuraron actividades coma xogos inchables, obradoiros de pintura, pesca, fotografía dixital, xogos tradicionais e na praia, sendeirismo, xincanas, castelos de area, multideporte, manualidades, festas de disfraces, etc…