Competirán 200 nadadores de 27 clubs de toda Galicia e está previsto que se acheguen ata o municipio unhas mil persoas entre deportistas, familias, delegados e adestradores
Cervo, 13 de febreiro de 2023. O Concello de Cervo acollerá esta próxima fin de semana, 18 e 19 de febreiro, o Campionato Galego Infantil de Inverno de Natación que se celebrará na Piscina Municipal Olímpica de Lieiro.
Na presentación da proba participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o seu homólogo de Xove, Demetrio Salgueiro, o edil de deportes, David Rodríguez, o secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera e o presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras.
No campionato, que organizan o CN Xove e a Federación Galega de Natación, coa colaboración do Concello de Cervo, e tamén do de Xove, están inscritos 200 nadadores, pertencentes a 27 clubs galegos.
O rexedor puxo en valor “as privilexiadas instalacións que temos no Concello”, que, grazas á estreita colaboración que mantemos co CN Xove, nos permiten atraer este tipo de campionatos cun gran impacto para a nosa zona xa que se estima que se despracen a Cervo, de novo esta fin de semana, unhas mil persoas, entre nadadores, público, adestradores e delegados; “polo que temos que destacar tamén o impacto económico que supón acoller este tipo de competicións en Cervo”.
O edil de Deportes, David Rodríguez, recordou as características da instalación de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia “o que a convirte no mellor dos escenarios para acoller un evento deportivo desta categoría”.
Villares e Rodríguez remataron convidando a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que “poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello”.
A competición terá lugar o sábado e o domingo, en sesión de mañá e tarde; ás 10:00 e ás 17:00 horas, respectivamente.