Foz, 3 de febreiro de 2023. O Concello de Foz executa a bo ritmo as obras de humanización do eixo que conecta o centro urbano coa Rapadoira, conformado polas rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e Praza de Galicia. As obras foron adxudicadas a Construcciones y Canalizaciones José Saa SL por máis de 752.000 euros, dos cales a Deputación de Lugo aporta 544.000 euros e o Concello de Foz os máis de 200.000 euros restantes; inclúen tamén a urbanización de toda a contorna da Praza de Galicia así como a rúa do Xico.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que “na actualidade estanse a dispoñer as novas canalizacións de saneamento, unha rede separativa de fecais e pluviais con tubaxes de PVC de 315 e 400 milímetros de diámetro. Cando proxectamos unha reforma completa dunha rúa cobra especial importancia renovar tamén o que non se ve, as canalizacións, para evitar problemas futuros. Comezamos os traballos desde Trapero Pardo e imos avanzando xa á altura da rúa Concello de Alfoz. Pedimos desculpas ás veciñas e veciños da zona polas molestias que se lles están a causar”.
O rexedor municipal destaca que “a humanización da rúa vai permitir establecer un camiño peonil seguro e cómodo entre o casco urbano e a Rapadoira, adaptado a persoas con mobilidade reducida ou con déficits de percepción visual: é unha rúa moi usada polos peóns pero insegura, con problemas no firme; sabemos o que aconteceu no pasado, incluso cun atropelo fatal. Esta reforma completa vai permitir avanzar no Foz cómodo e amable que estamos a procurar, seguindo as directrices do Plan de Mobilidade aprobado. Redactar un plan director de mobilidade e que sexa a guía das distintas actuacións é unha das máximas do goberno, para evitar problemas de tráfico como os que se xeraron no pasado ao dispoñer as dúas rúas principais no mesmo sentido de circulación. Debemos evitar reformas como a da Avenida da Mariña, na que se mantivo a vella rede de abastecemento con acometidas de chumbo e na que o firme está escachado en distintos puntos, cando tiña que durar 30 anos. Intentamos estar moi encima da boa execución das obras, son inversións moi importantes”.
Fran Cajoto engade que “novas canalizacións de abastecemento, rede eléctrica e alumeado público, con substitución das luminarias existentes na baixada das Casas Baratas e farolas completamente novas nos viais da Praza de Galicia, completan unha actuación na que se amplían as beirarrúas e o tráfico se limita a un sentido de circulación en dirección á Rapadoira. Unha actuación que o Concello de Foz pretende culminar cun mural na fachada do edificio de Telefónica, entidade coa que está a facer as xestións necesarias. Podería ser -se é posible tecnicamente- o mural das Pescantinas da fábrica de xeo do peirao ou un novo co mesmo estilo creativo. Xosé Vizoso e Berio Quiroga merecen un recoñecemento desta vila xa que deixaron para a posteridade auténticas iconas como Rente ao mar… Murais que son parte da nosa historia e do noso patrimonio”.