Foi reelixida na asemblea local celebrada no concello mariñán e asegura que ten “as ganas intactas” para continuar transformando a vila se conta coa confianza dos seus veciños e veciñas
Barreiros, 1 de febreiro de 2023. Carmen Veiga Rodríguez anuncia que será a candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Barreiros. Foi reelixida por unanimidade na asemblea local para liderar a candidatura do PSOE nas próximas eleccións municipais. “Creo que levamos conseguido cousas moi positivas nestes catro anos e teño a ilusión e as ganas intactas para seguir traballando pola confianza dos meus veciños e veciñas, polo menos, coa mesma intensidade que ata o de agora”, asegura.
Entre os froitos do traballo feito neste mandato, no que asumiu unha tenencia de Alcaldía e a Concellería de Servizos Sociais, destacou a posta en marcha do servizo público de préstamo de material ortoprotésico, posible grazas a un convenio de 20.000€ asinado coa Deputación de Lugo. Tamén resaltou que o Servizo de Axuda no Fogar está a atender a preto de 70 persoas sen listas de espera e que no peor da pandemia o protocolo implementado polo Goberno local evitou contaxios entre as persoas usuarias e as traballadoras.
Subliñou o traballo realizado en rede co tecido asociativo de Barreiros, enumerando colaboracións con algunhas entidades como Inserta Emprego, Alar Galicia, a Fundación Barrié e o seu programa de Rede Paraugas para axudar a persoas con Alzéhimer, Diaconía ou a Cruz Vermella.
Agora, quere seguir traballando para conseguir máis avances para os veciños e veciñas de Barreiros, en concreto, un Centro de Día e unha residencia, unha depuradora para a praia de Arealonga, un novo apeadeiro do ADIF, ou para poñer en valor o xacemento da Roda. Veiga explica que quere facelo apostando polos servizos sociais de xeito transversal porque “os socialistas cremos na xustiza social e na igualdade de oportunidades e o Concello ten que ser a primeira man tendida para as persoas máis vulnerables. Ese é o meu compromiso”.