No conxunto de Lugo, este aumento representa un desembolso total anual en pensións de 104 millóns de euros, uns 9 millóns máis que o ano pasado
Lugo, 25 de xaneiro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor hoxe o impacto social que ten na provincia de Lugo a revalorización das pensións por parte do Goberno de Pedro Sánchez, unha medida que supuxo un aumento de 9 millóns de euros nas nóminas aboadas en xaneiro aos pensionistas da provincia.
“Hoxe son moitos os pensionistas galegos que están a ver reflectida na súa conta bancaria a revalorización das súas prestacións. Unha suba de 8,5% coa que o Goberno español garante o poder adquisitivo destas persoas nun contexto marcado pola alta inflación”, destacou Isabel Rodríguez durante unha visita esta mañá ás oficinas da Seguridade Social de Lugo, acompañada do director provincial, Juan José Rodríguez Gude.
No caso da provincia de Lugo, son 113.849 persoas as que se benefician desta suba, para alcanzar unha pensión media de 914 euros, o que supón uns 77 euros máis ao mes que o ano pasado. No conxunto de Lugo, este aumento representa un desembolso total anual en pensións de 104 millóns de euros, uns 9 millóns máis que o ano pasado.
“Isto é posible grazas á blindaxe que fixo o actual Goberno do poder adquisitivo das persoas pensionistas, xa que, de terse aplicado a revalorización de 0,25% anual fixada polo PP en 2013, a pensión media de xubilación tería subido menos de 50 euros anuais. É dicir, co Goberno de Pedro Sánchez as pensións suben na provincia 77 euros, mentres que co PP a suba non chegaría aos 4 euros”, salientou a subdelegada.
Como resultado, a pensión media en Galicia sitúase nos 1.015,78 euros. No caso das de xubilación, que representan case dous terzos do total (62,8%), a contía media ascende até os 1.161 euros. Así, desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, a revalorización supera o 25%, xa que en 2018 a pensión media de xubilación situábase en Galicia nos 927,78 euros.
“Este Goberno cumpre coa súa palabra, seguindo a mesma liña que nos últimos anos, dignificando as pensións”, engadiu a subdelegada que tamén resaltou a importancia decisiva que teñen as pensións na provincia de Lugo e a repercusión para a economía do territorio, “que axudan a reforzar a igualdade e o Estado do Benestar dos veciños e veciñas de Lugo”.