Burela, 19 de xaneiro de 2023. Burela promocionou a Feria do Bonito en Fitur este mediodía. O encargado de enxalzar esta festa de interese turístico nacional foi o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor referiuse á consecución desa distinción en 2019: “tivemos moito interese tanto desde o Concello como desde a propia asociación Ledicia, e incluso todo o pobo dalgunha maneira botou unha man”.
Llano lembrou que a Feira do Bonito naceu no ano 1983 e aludiu á cantidade de voluntarios que traballan para que esta cita estea ben atendida, con toda a calidade que aporta”.
O alcalde burelés subliñou a calidade deste peixe e o tratamento que recibe: “péscase respectando o medio ambiente e a especie”.
Alfredo Llano aproveitou a ocasión para facer promoción turística de Burela: “temos gastronomía, temos praias, temos actividades culturais… Burela é un pobo atractivo, que ten moitas posibilidades para atender a moita xente e que aquí ninguén é considerado de fóra senón que se integra inmediatamente no ambiente da nosa vila”.
O rexedor fixo un balance moi positivo do acto celebrado este mediodía na Feira Internacional de Turismo en Madrid.
En Fitur ademais do alcalde burelés tamén se atopa o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández.