A presentación tivo lugar nun xantar popular no que participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o coordinador xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, e a senadora lucense Rosa Arza
O Valadouro, 15 de xaneiro de 2023. José Manuel Lamela repetirá como candidato do PP á alcaldía do Valadouro, onde xa foi rexedor entre o 2011 e o 2013, despois de formar parte do equipo de goberno durante 16 anos. A presentación do candidato tivo lugar nun xantar popular celebrado no Hostal O Novo e nela participaron a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, a senadora lucense Rosa Arza, e distintos membros da dirección provincial encabezados polo coordinador xeral, José Manuel Balseiro Ourol, así como afiliados e simpatizantes.
Lamela trasladoulles o seu agradecemento por asistir á proclamación da súa candidatura e aposta pola renovación dun equipo “comprometido co Valadouro”. O obxectivo, dixo, é volver gañarse a confianza dos veciños e veciñas do municipio para dar resposta ás súas necesidades e para ser unha alternativa real de cara ás vindeiras eleccións municipais.
O candidato do PP considera necesario “conservar e manter os distintos servizos do municipio, como son as estradas, o saneamento, o alumeado público e todo aquilo que precisen os veciños e veciñas”. “Temos un proxecto serio, centrado no noso territorio e que defende iniciativas para mellorar a calidade de vida dos veciños e dinamizar a actividade económica do noso concello”, resaltou.
ANOS DE DESGOBERNO NO VALADOURO
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, puxo en valor o traballo dos populares do Valadouro ao longo destes anos “tendo como única prioridade a defensa dos intereses dos veciños” e felicitounos pola súa aposta por José Manuel Lamela “para seguir liderando o proxecto que O Valadouro merece e necesita”.
Recordando a moción de censura que no ano 2013 acabou con “25 anos de estabilidade e prosperidade da man de gobernos do Partido Popular”, Paula Prado asegurou que este episodio “só serviu para converter ao Valadouro nun lugar ingobernable e aos seus veciños en reféns dos pactos de perdedores e da incapacidade de xestión do actual goberno”.
Por iso apelou á maioría que quere que a vila “deixe de ser noticia polo seu desgoberno, volva á senda da estabilidade da que nunca debeu desviarse e teña por fin un alcalde que se dedique a resolver e non a crear máis problemas”. Unha maioría que, tal e como concluíu, fará posible que O Valadouro “acapare os mellores titulares o 28 de maio por recuperar un goberno do Partido Popular da man de José Manuel Lamela”.
Para os populares, o concello do Valadouro leva anos paralizado ante o desgoberno do PSOE e o BNG. Balseiro explicou que “estes anos o único que fixo o goberno local foi traer retrocesos no Concello”; “cremos que temos o proxecto necesario para poder volver a ter a confianza dos veciños e dar unha estabilidade política e institucional da que ata agora carece O Valadouro”, engadiu.
“Nos anos de goberno do PSOE e o BNG non se avanzou en ningunha materia. Neste sentido, a non implantación do polígono industrial no concello é un exemplo claro de desgoberno. O Valadouro leva anos aspirando con frustración a dispoñer dun polígono que permita a dotación dunha oferta de solo atractiva e suficiente para localizar industrias e implantar novas actividades económicas que favorezan o desenvolvemento da zona e o emprego”, sinalou.
“Só hai que comparar os anos de goberno do PP e os do PSOE para ver que os avances máis significativos no que respecta aos asuntos de relevancia sempre tiveron como protagonistas os gobernos populares”, concluíu Balseiro.