O delegado territorial de Lugo insiste en que a Xunta non pode subscribir unha estratexia que prexudica á poboación rural, e explica que o Goberno galego destina este ano 1,3M€ a medidas de prevención e 0,6M€ a indemnizacións
Lugo, 13 de xaneiro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembra á subdelegada do Goberno Isabel Rodríguez que a Xunta non renunciou aos fondos estatais dos orzamentos de 2022 para previr e paliar os danos do lobo, senón que foi unha exclusión de Galicia, unha decisión que está recorrida pola vía contencioso-administrativa.
Arias Fouz sinala que a Administración autonómica tentou nos últimos meses e por distintas vías que o Goberno central rectificara a súa postura para que transfira os 4,3M€ que lle corresponden de xeito lexítimo, e lembra que ter estas axudas pasaba por subscribir unha estratexia aprobada sen consenso, que prexudica á poboación rural galega, non ofrece seguridade xurídica, nin conta con censo e datos actualizados de número de manadas. Ante esta situación o máximo representante da Xunta en Lugo considera que non podemos ceder ante o que é unha chantaxe do Goberno central.
En calquera caso, e á espera de que haxa unha resolución xudicial, Arias Fouz lembra que a Xunta de Galicia seguirá apoiando ao sector gandeiro con fondos propios para garantir a súa convivencia co lobo. De feito, para este ano, a Xunta compromete 1,3M€ ás axudas destinadas á prevención ante o lobo, o que Javier Arias destaca como unha partida sen precedentes, á que se suman outros 600.000€ para indemnizar aos afectados. Por último, lembra que nos últimos sete anos, o Goberno galego mobilizou preto de 6M€ neste tipo de axudas.