Lourenzá, 5 de xaneiro de 2023. Vilanova de Lourenzá acolle este sábado, 7 de xaneiro, os actos de apertura do ano de Francisco Fernández del Riego, ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2023. Foron presentados por unha representación da Mesa Coordinadora Don Paco.
As actividades comezarán ás 17:00 horas no salón de actos da Casa do Concello, onde intervirán o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García. Ademais inaugurarase a exposición 110 anos de Del Riego e terá lugar a presentación de Calendario biográfico. Posteriormente, a partir das 18:00 horas, no multitusos Ponte de Cuñas haberá un concerto do Grupo de Música Antiga 1500 e actuará tamén o grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.
Onte, mércores, a Casa do Concello laurentina acolleu o acto no que representantes da comarca de Valdeorras pasaron a Lourenzá a testemuña das Letras Galegas. Entregaron á alcaldesa un poema de Florencio Delgado Gurriarán -escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2022- tallado en castiñeiro e uns exemplares da antoloxía poética sobre Valdeorras publicada este ano. A delegación da comarca de Valdeorras estaba formada polo alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; a concelleira de Cultura de O Barco, Margarida Pizcueta; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez; o presidente da asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, o concelleiro de A Rúa Luis Fernández; e Elva Delgado, familiar de Florencio Delgado.