Cultura reforzou a colaboración coa comunidade educativa, achegando ás aulas propostas ligadas ás artes gráficas, ao audiovisual e á música tradicional
Lugo, 4 de xaneiro de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou 450 actividades culturais e lúdicas ao longo de 2022 nas distintas comarcas. Actuacións musicais, representacións teatrais, proxeccións, exposicións, espectáculos de narración oral e coloquios completaron a axenda de actividades programadas directamente pola área de Cultura.
A vicepresidenta, Maite Ferreiro , explicou que “as actividades chegaron á practica totalidade dos concellos, coa colaboración das propias entidades municipais e sobre todo das asociacións culturais” e puxo en valor o traballo desenvolvido polo servizo de Cultura “en contacto directo e permanente co persoal dos concellos e tamén cos colectivos culturais, co obxectivo de desenvolvermos unha axenda que facilite o acceso á cultura en todo o territorio” e a “programación de actividades en galego”.
Neste senso, destacou que “as programacións da área de Cultura son a base da axenda cultural en pequenos concellos, e tamén un recurso fundamental para a dinamización de espazos culturais e sociais nas parroquias, que articulan o rural”.
Neste 2022, destacou, “reforzamos a colaboración con centros educativos, asociacións de nais e pais e colectivos ligados ao ámbito educativo e á mocidade, dando continuidade a programas como Ilustrarnos ou ao ciclo cultural arredor do Día de Rosalía, e apostando por levar ás aulas propostas audiovisuais ou musicais, que inciden no coñecemento do noso patrimonio cultural e ofrecen a profesionais de oficios creativos novas vías de difusión dos seus traballos”.
Maite Ferreiro apuntou tamén que “a actividade contribúe ao mantemento do sector cultural desde o punto de vista económico, xa que o investimento en programacións propias repercute directamente en profesionais autónomos e pequenas empresas que configuran o sector”.
Teatro e música tradicional
Maite Ferreiro detallou que “un terzo das actividades corresponden a representacións dos circuítos de teatro profesional e amador, con preto de 134 funcións de corenta compañías, e actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais canalizadas a través do Tradigalu, co que se programaron 110 actuacións en 47 municipios, reforzando a presenza da nosa música en programacións culturais e celebracións populares organizadas tanto por concellos como por asociacións culturais”.
Audiovisual en galego
A responsábel provincial subliñou tamén “a aposta pola difusión do audiovisual en galego, consolidando da man da Academia Galega do Audiovisual, o Ciclo Mestre Mateo, co que se realizaron 40 proxeccións das películas de ficción e documentais finalistas destes premios en Foz, Chantada, Sarria, A Pobra do Brollón e Vilalba” e lembrou tamén “o ciclo de proxeccións ao aire libre que se desenvolveu durante o verán, con outras corenta proxeccións, tamén de filmes en galego ou dobrados ao galego”.
Actividades nos centros educativos
Ao longo do ano, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofreceu a centros educativos e asociacións de nais e pais diferentes propostas ligadas ás artes gráficas, ao audiovisual ou a música tradicional, introducindo nas aulas o traballo de creadores e creadoras galegas de diferentes disciplinas e fomentando o interese pola cultura e os oficios creativos entre as novas xeracións. En total, ao redor dos centros educativos, desenvolvéronse 88 actividades.
As programacións centrais foron un ano máis o programa IlustrarNós, con obradoiros de ilustración e intervencións murais nos centros, e o ciclo cultural do Día de Rosalía, cun abano de actividades ligadas á figura da autora. Alén diso, promovéronse proxeccións de documentais que propician un achegamento ao coñecemento científico como “Fontán. O primeiro rostro de Galicia” ou “Fillas do vento”, os obradoiros de música tradicional “Aprende raíz” e os de lingua e cultura portuguesa “O Português Simples”.
Maite Ferreiro explicou que “máis de medio cento de centros de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos de formación profesional participaron ao longo do ano nestas iniciativas” e agradeceu “o interese e a colaboración que atopamos no profesorado e nas familias”
Música en galego
Durante os meses de primavera e verán e nos meses de Nadal, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforzou a colaboración con concellos e asociacións achegando música en galego, de moi diferentes estilos, a eventos culturais e lúdicos en todas as comarcas. En total, programáronse 124 actuacións e espectáculos musicais e escénicos, na súa maioría de bandas e músicos da provincia ou con espectáculos dirixidos a público infantil.
Exposicións itinerantes
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoveu a itinerancia das mostras “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, sobre o 50 aniversario dunha institución de referencia para a cultura galega, e “Galiza no deporte”, sobre a historia do deporte galego, que pasaron ao longo do ano pasado por unha vintena de prazas e espazos públicos de todas as comarcas.