O Deputado de Promoción Económica e Social subliñou que o Goberno puxo en funcionamento 6 residencias públicas en menos de catro anos, fronte “ás 0 residencias públicas construidas pola Xunta na última década”.
Lugo, 27 de decembro de 2022. O Pleno da Deputación rexeitou este martes unha moción do PP na que se cuestionaba o grao de cumprimento do plan de Centros de Atención a Maiores da Deputación Provincial. Na súa réplica á moción, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou que o PP “está absolutamente despistado”, e incidiu en que os populares “teñen un descoñecemento absoluto de como funciona o modelo de residencias da Deputación.
Rivera lembrou que durante este mandato o Goberno provincial vai ter en funcionamento 9 centros públicos, fronte “ás cero residencias públicas abertas pola Xunta na provincia durante a última década”. Rivera puxo en valor o modelo de residencias da Deputación, baseado en centros de pequeno tamaño que xeran emprego no rural. Sinalou que ese modelo foi máis eficaz “fronte á pandemia” e que ademais de garantir a atención ós maiores “en moitos concellos as residencias se converten nunha das medianas empresas” máis importantes para os concellos.
O debate produciuse apenas dous días antes da inauguración da residencia de maiores de Ribas de Sil, prevista para o vindeiro día 29 de decembro. Esta apertura súmase ás dos centros de Navia de Suarna, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e a Fonsagrada, todas elas abertas durante este mandato. E a elas hai que engadir os centros xa existentes de Trabada, Ribadeo e Pol.
Rivera lamentou que o PP “queira minimizar o esforzo feito polos traballadores das residencias, polos profesionais que prestan servizo nelas” ou que non sexa quen de reivindicar un plan de atención á terceira idade “que foi presentado en Bruxelas e que fixo que esta Deputación fose a única invitada polo Goberno do Estado a participar na presentación do PERTE de Economía Social”. Fronte a isto, preguntouse “¿en qué se preocupa a Consellería de Política Social polos maiores desta provincia”.
O Deputado lembrou que as competencias en servizos sociais corresponden á Xunta de Galicia, que debería explicar por qué Galicia ten “un déficit de 14.000 prazas de residencias e é a Comunidade Autónoma con menos prazas públicas”. A Xunta adica a Servizos Sociais un 8% do seu orzamento anual, mentres a Deputación Provincial de Lugo aporta 30M€, o 33% do orzamento total.
Pablo Rivera instou ó PP “a que non xogue a facer electoralismo coas persoas, porque aquí hai 262 usuarios que están felices”. Neste sentido, indicou que a Deputación vai seguir traballando nos proxectos doutros nove centros, para duplicar a actual rede existente. “Non vou consentir que se minimice a importancia dun dos proxectos máis importantes da Deputación, pola ausencia da Xunta de Galicia. Eu non quero que a Xunta xestione as residencias, porque o que faría sería darllas a unha empresa. O que quero é que as financie, como é a súa obriga”.