Lugo, 22 de decembro, 2022. A Xunta de Goberno tamén aprobou seis convenios de colaboración con diferentes Concellos e entidades da provincia por un importe conxunto de preto de 340.000€ e que axudarán a dotar de máis e mellores servizos á veciñanza da provincia.
A través do primeiro deles, a Deputación aportará máis de 140.000€ ao Concello de Alfoz para a reparación e remate das beirarrúas no núcleo da Seara. Esta cantidade representa máis do 93% do investimento total necesario para acometer esta obra, “que é importante porque esta zona é onde se atopan os principais servizos do municipio de Alfoz, polo que estes traballos redundarán nunha mellor accesibilidade da vía e promoverá o desprazamento a pé dos veciños”, explicou a Voceira socialista do Goberno.
Por outra banda, a Deputación de Lugo aportará un total de 81.000€ á Mancomunidade de Municipios da Mariña para que poida sacar adiante o Plan de Sustentabilidade Turística que lle concedeu o Goberno do Estado a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. “Unha axuda económica que facemos dende a Deputación e que alivia considerablemente a aportación que deben facer os concellos a este Plan, polo que, ademais dunha acción de apoio ao turismo”, sinalou Pilar García Porto, “tamén é unha medida máis de cooperación cos concellos”.
A Deputación achegará ao Concello de Vilalba 10.000€ para colaborar coa instalación dunha pista de xeo este Nadal, unha iniciativa que servirá para dinamizar a actividade social e económica da capital chairega durante estas festas, entre o vindeiro día 25 de decembro e o 8 de xaneiro.
Coa Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo (ADIS Lugo) a Xunta de Goberno aprobou un convenio por importe de 15.000€ para a creación dun denominado Punto TESP. Trátase dun servizo que dá soporte ás pequenas e medianas empresas asociadas a ADIS Lugo que non teñen persoal suficiente para dedicarse a buscar axudas ou subvencións axeitadas á súa actividade.
Concretamente, esta é unha prestación que se ofrecerá de xeito gratuíto desde unha oficina técnica, que contará con persoal formado para realizar un asesoramento personalizado.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou unha colaboración económica por importe de 39.000€ coa Fundación Xosé Soto de Fión, responsable do Museo de Arxeriz, no concello do Saviñao, para a escavación arqueolóxica e conservación do castro.
Así mesmo, a Deputación colaborará co Concello de Barreiros aportando máis de 53.000€ para a adecuación e estabilización da pista de pádel de San Miguel de Reinante.
Plan Único
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a solicitude do Concello de Barreiros de destinar remanentes do Plan Único deste ano 2022 por un importe de 21.5000€ para unha nova actuación, que consiste na pavimentación de accesos entre a Escola de Vilamartín Pequeno e Currás.
Por outra parte, en Becerreá a Xunta de Goberno tomou razón de que este Concello perdeu unha axuda da Deputación por importe de case 50.000€ para a creación de emprego dentro do Plan Único 2021 porque non presentou a obrigatoria conta xustificativa.