Foz, 20 de decembro, 2022. Grazas á colaboración entre a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e a Delegación de Xuventude e Deportes do Concello de Foz, o vindeiro venres 23 de decembro, gozaremos de malabares, clown e moito humor da man do Circo Chosco e os seus Forzu2.
Será no CEIP O Cantel, ao que agradecemos a súa disposición, a partir das 11:30h, e aberto a todo o público.
A concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez Leivas, anima a gozar do primeiro día sen colexio cun espectácilo no que o humor e o absurdo son os fíos que tecen a trama dun dúo de atletas, cómplices que se compenetran realizando trucos imposibles diante do público. Risco, desastre, sorpresa e surrealismo crúzanse coa impecable técnica en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume. Sempre en formato de clown, Circo Chosco realizan os seus impresionantes números agochándose baixo a apariencia de superacróbatas, de grandes magos ou de malabaristas matematicamente perfectos.