Nota de Prensa 1/2
A Deputación comezará a executar nun mes obras en Viveiro por valor de 1.250.000 euros
– Trátanse de actuacións froito dun convenio impulsado por Besteiro e Roel co Goberno galego para mellorar a prestación de servizos ós veciños deste municipio
– O Presidente avanzou que a Xunta de Goberno deste venres aprobará a contratación de todos os proxectos para rematar os traballos antes da primavera
– Gómez Besteiro insta ó Goberno Galego a cumprir co convenio de Barreiros porque “de non levarse a cabo estas actuacións, a Mariña pode ter serios problemas de emprego. A Deputación fixo os deberes e ten preparada a partida orzamentaria para acometelas”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, avanzaron este xoves que o organismo provincial comezará a executar no prazo dun mes obras no municipio viveirense por valor de 1.250.000 euros. Trátanse de actuacións froito dun convenio impulsado por Gómez Besteiro e Roel co Goberno galego co obxectivo de dotar de infraestruturas urbanas e mellorar os equipamentos existentes en Viveiro. O titular do organismo provincial subliñou que “en maio aprobábamos un documento para mellorar a prestación de servizos ós veciños deste municipio. Cumprimos co que nos comprometemos e tres meses máis tarde, logo da axilidade na redacción dos proxectos por parte do Concello de Viveiro, a Xunta de Goberno deste venres aprobará a contratación de todas as obras para comezar a executalas coa mesma celeridade nun mes e rematalas antes da primavera”. Pola súa banda, o Alcalde destacou que “todo isto é produto dun intenso traballo por parte dos técnicos da corporación municipal e da Deputación. Con estas actuacións, xunto ás do Plan E, o POS e o POL lograremos un novo Viveiro”
Deste xeito, o organismo provincial levará a cabo as seguintes actuacións: reparación da cuberta da Casa Calvo Sotelo (150.000 euros); creación dun campo de fútbol en Lavandeiras (200.000 euros); ampliación e mellora da rede de sumidoiros no lugar de Pallaregas-Covas (100.000 euros) e na parroquia de Galdo (150.000 euros); acondicionamento da segunda pranta do Conservatorio Municipal de Música (100.000 euros); urbanización e rexeneración do núcleo urbano do Celeiriño (250.000 euros); e pavimentación e dotación de servizos urbanos nas beirarúas de Xunqueiras a Magazos (300.000 euros).
O convenio subscrito por Deputación, Concello de Viveiro e Xunta establece a aportación dos proxectos por parte da corporación municipal, a súa tramitación e execución por parte do organismo provincial, mentras que a financiación corre a cargo do Executivo autonómico. Esta realizarase en dúas anualidades de 600.000 euros e 650.000 euros tendo de prazo máximo ata o 30 de novembro para cada ano.
Convenio Barreiros
O máximo mandatario provincial indicou que a Deputación dota de servizos públicos a Concellos de todas as cores políticas polo que o organismo provincial tamén asinou en maio un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente mediante o cal achega 1.250.000 euros para levar a cabo proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento nos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante. Ó respecto, Gómez Besteiro salientou que “o Goberno galego dicía que estas actuacións se ían a facer axiña pero nós non sabemos nada”. Ademais, amosou a súa preocupación “porque os veciños queren estes servizos e porque, de non levar a cabo estas actuacións, a Mariña pode ter serios problemas de emprego”. Deste xeito, o titular do organismo provincial instou a Xunta a solventar esta situación xa que “a Deputación fixo os deberes e, ó igual que comezamos coas obras de Viveiro, temos a partida orzamentaria preparada para acometer estes traballos en Barreiros”.
Parque de Bombeiros
O organismo provincial xunto ó Goberno galego integran ademais dende febreiro de 2009 o Consorcio provincial de bombeiros, unha entidade que ambas as dúas administracións asumen ó 50% para garantir o 100% da cobertura contraincendios na provincia mediante a posta en marcha das instalacións de Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba e Viveiro en xaneiro de 2011.
Deste xeito, Melchor Roel aproveitou a visita de Gómez Besteiro, Presidente ademais do Consorcio, para amosarlle a súa preocupación polas actuacións nas instalacións da localidade viveirense xa que “se as obras seguen ó mesmo ritmo o Parque de Viveiro non estará en funcionamento en xaneiro”. Deste xeito, Gómez Besteiro anunciou que a primeira semana de setembro dirixirase ó Executivo galego, responsable destes traballos, para que este a súa vez se poña en contacto coa construtora e ratifique a situación das instalacións viveirenses. “Se a Xunta non o fai farémolo nós porque o noso compromiso é que todos os parques estén en funcionamento o 1 de xaneiro”. A Deputación xa cumpriu coa súa parte ó adquirir todo o equipamento para os 5 parques investindo preto de 4 millóns de euros. No caso do parque viveirense, a achega superou os 950.000 euros logo da compra de un camión de altura, un camión nodriza, un camión BUL, e un vehículo de mando. Mentras, a Xunta, responsable das obras destas instalacións, prevé a súa finalización en novembro segundo informou na última reunión do Consorcio no mes de xuño.
Nota de Prensa 2/2
A Xunta de Goberno aproba a contratación de obras
en Viveiro por valor de 1.250.000 euros
– Son actuacións froito dun convenio impulsado polo Presidente da Deputación e o Alcalde viveirense co Goberno galego para mellorar a prestación de servizos ós veciños deste municipio
– Melchor Roel subliña que “Deputación e Concello fixeron os deberes. Cumprimos coa redacción dos proxectos e cumprimos coa súa contratación para que nun mes comecen os traballos que estarán listos en marzo”
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de obras en Viveiro por valor de 1.250.000 euros. Trátanse de actuacións froito dun convenio impulsado polo Presidente da Deputación e o Alcalde viveirense co Goberno galego co obxectivo de dotar de infraestruturas urbanas e mellorar os equipamentos existentes en Viveiro. Dito documento, que foi ratificado en maio, establece a achega dos proxectos por parte da corporación municipal, a súa tramitación e execución por parte do organismo provincial, mentras que a financiación corre a cargo do Executivo autonómico. O Deputado de Recursos Humanos e Rexedor de Viveiro, Melchor Roel subliñou que “Deputación e Concello fixeron os deberes. Cumprimos coa redacción dos proxectos e cumprimos coa súa contratación para que nun mes comecen os traballos que estarán listos en marzo”.
O organismo provincial levará a cabo as seguintes actuacións: reparación da cuberta da Casa Calvo Sotelo (150.000 euros); creación dun campo de fútbol en Lavandeiras (200.000 euros); ampliación e mellora da rede de sumidoiros no lugar de Pallaregas-Covas (100.000 euros) e na parroquia de Galdo (150.000 euros); acondicionamento da segunda pranta do Conservatorio Municipal de Música (100.000 euros); urbanización e rexeneración do núcleo urbano do Celeiriño (250.000 euros); e pavimentación e dotación de servizos urbanos nas beirarúas de Xunqueiras a Magazos (300.000 euros).
Da mesma forma, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de dúas obras dentro do Plan de Comunidades Veciñais nos Concellos de A Pastoriza e A Fonsagrada cuxo importe é de 24.000 euros e 8.514 respectivamente.