Os deputados de Recursos Sostibles e Participación Cidadá participaron este sábado nunha xuntanza de traballo para abordar a organización da XXXIX edición da Moexmu
Lugo, 17 de marzo de 2022. Os deputados de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado en Cospeito nunha xuntanza de traballo celebrada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta con motivo da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). A cita, que terá lugar a fin de semana do 31 de marzo, reuniu a gandeiros e gandeiras e serviu para abordar a organización deste evento.
Fernández Rico destacou o compromiso da Deputación con esta feira multisectorial que supón “un dos mellores escaparates para o impulso do sector primario da nosa provincia”. Unha feira que xira arredor do gando, da maquinaria e da artesanía, “son tres sinais de identidade do noso rural que temos que coidar para recuperar o sector e para seguilo consolidando como unha actividade económica estratéxica e de futuro para a provincia de Lugo”, segundo explicou o Deputado.
A institución provincial triplicou na edición deste ano 2022 a súa colaboración coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros, e Autónomos de Muimenta, á que achegou 33.000 euros para a celebración da cita e a realización do primeiro concurso autonómico de gando frisón na provincia de Lugo, Frisón FEFRIGA 2022.