O portavoz municipal, José María Fernández, lamenta que Trabada, por decisión da alcaldesa, quede sen un campo de fútbol
Trabada, 16 de decembro de 2022. Trabada tiña un campo de fútbol ata que a alcaldesa, Mayra García (PSOE), o desfixo construíndo nel unha pista de pádel. A aposta da Xunta por Trabada permitiu paliar a desfeita impulsada pola alcaldesa, coa construción dunha pista multideporte, para a que o goberno de Galicia aportou 70.870 euros. O portavoz popular, José María Fernández, pon en valor o apoio da Xunta ao concello e carga contra a política deportiva do goberno municipal, que cre froito do total descoñecemento das necesidades en materia deportiva.
O portavoz popular sinala que, coa construción da pista multideporte, resólvese en boa parte a desfeita organizada polo goberno local ao destrozar o campo de fútbol coa construción da pista de pádel. José María Fernández di: “O PP estaba a favor de dotar a Trabada dunha pista de pádel, pero noutra ubicación, porque non é terreo o que nos falta”. Engade: “O campo de fútbol foi obxecto, nun mandato anterior, cun goberno do PP, de importantes melloras. O goberno actual non fixo mantemento ningún do campo e acabou por destrozalo coa pista de pádel”.
Fernández afirma que a alcaldesa engana aos veciños cando asegura que as obras feitas no seu día no campo de fútbol custaron 500.000 euros. Sinala: “Tamén engana aos veciños cando di que non tiña as medidas esixidas, porque a día de hoxe hai campos de herba artificial que non miden máis do que medía o noso, e, en todo caso, había terreo para poder amplialo”.