Mañá ás 13h. a Secretaria Xeral do SLG-CCLL rexistrará en Lugo a solicitude de entrevista co conselleiro José González Vázquez
Lugo, 15 de Decembro 2022. A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, solicitará mañá unha xuntanza urxente co Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, para para demandar á Consellaría a ampliación da partida adicada á produción ecolóxica -garantindo que todas as persoas que solicitaron a súa incorporación ao Consello Regulador de Agriculura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) podan acceder ás contías inicialmente establecidas-, así como solucións para as máis de 8.000 granxas galegas excluídas das axudas por zona desfavorecida.
O rexistro de solicitude trará lugar ás 13h. no edificio administrativo da Xunta de Galicia (Ronda Da Muralla, 70), ao que acudirán tamén produtoras e produtores en ecolóxico afectadas pola mala planificación da CMR. Ca acción de mañá en Lugo dende o SLG-CCLL damos inicio a unha campaña de mobilizacións en todo o país esixindo a subsanación da xestión discriminatoria destes orzamentos públicos realizada pola Consellaría do Medio Rural en detrimento das pequenas e medianas explotacións ecolóxicas.