O portavoz do PP avisa do grave risco que pode darse se é preciso atender unha emerxencia e non poden entrar os vehículos, porque polo paso actual non hai ancho suficiente para que poidan pasar
Viveiro, 15 de decembro de 2022. O Pazo de Malates é un dos edificios máis emblemáticos de Viveiro e atópase nunha situación de grave deterioro, que avanza a pasos axigantados. O grupo municipal do PP xa manifestou a súa preocupación polo estado deste inmoble, así como polo abandono ao que se atopa sometido o seu entorno. Na máis recente sesión plenaria, o grupo municipal popular presentou unha iniciativa para que o Concello tome cartas no asunto para salvar tan significativo edificio. Os populares quedaron seriamente preocupados ao comprobar que o goberno local non sabe como resolver o problema dun dos bloques de pisos (uns 40) que hai nas inmediacións do pazo, na rúa Alonso Pérez, que non ten posibilidade de acceso para vehículos de emerxencias, isto, é ambulancias, bombeiros e policías. Por este motivo, o portavoz popular, Óscar Rodríguez, anuncia a presentación dunha iniciativa para que o Concello adopte as medidas precisas para solventar tan grave problema, que ten moi preocupados aos veciños.
Fora como fose, o caso é que cando se construíron os dous bloques de edificios, un en primeira liña da Rúa Alonso Pérez, e outro por detrás do primeiro, ninguén pensou en que pasaría se é necesario que cheguen a este último vehículos de emerxencias. Porque o acceso que ten é tan estreito que non permite o paso, por exemplo, de ambulancias ou camións de bombeiros. Hai un paso estreito, dende a Rúa Alonso Pérez, delimitado por un lado polo edificio e por outro polo balado que pecha a finca do pazo de Malates. Así o explica Óscar Rodríguez, que anuncia a presentación dunha iniciativa, no próximo pleno, para que o goberno local faga as xestións necesarias para conseguir os terreos para abrir un acceso en condicións ao citado edificio, ben mediante negociación cos propietarios do terreo do pazo ben mediante expropiación.
Rodríguez sinala: “Os veciños están moi preocupados. É necesario que o Concello deseñe unha alternativa e para iso o primeiro e conseguir os terreos; esa é a nosa proposta”.