Burela, 10 de decembro, 2022. Onte celebrouse o sorteo do premio especial “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que organizou a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.
No sorteo participaron as máis de 200 persoas rexistradas que tomaron parte en cada unha das etapas deste ano. A gañadora foi María Jesús Carré Otero, unha “peregrina” da Coruña que participou na terceira etapa, entre Cervo e Xove, o pasado domingo 27 de novembro.
O premio consiste nunha cea para dúas persoas nun destes restaurantes da Asociación Cociñeiros Lugo: Oviedo Bar (Ribadeo), Horta de San Roque (Ribadeo) ou Fumeiro (Viveiro).
O “Camiño Gastronómico do Mar” celebrouse nos últimos catro fins de semana, nos que foi percorrendo os oito concellos da costa luguesa polos que pasa o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.
Unha edición que se completou con éxito de participación e acadando os obxectivos cos que se lanzou hai xa tres anos: fomentar o consumo de peixe, destacar a variedade dos produtos da lonxa de Burela e promocionar o “Camiño do Mar”.
Os participantes percorreron cada domingo diferentes tramos do Camiño de Santiago que pasan polos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo.
Máis de 70 kilómetros de paseo en total, que ao final de cada etapa tiñan a súa recompensa en forma de degustación gratuíta de “Peixe de Burela”, con diferentes receitas de produtos da lonxa de Burela elaboradas por chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrella Galicia.
Desde a organización do “Camiño Gastronómico do Mar” agradécese a colaboración dos diferentes concellos que, ademais de selar a particular “Compostela” aos peregrinos, facilitaron loxística e instalacións para celebrar estas xornadas; ademais da axuda especial de Estrella Galicia e Cabreiroá para acabar coa sede dos peregrinos.
Esta campaña enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.