O conselleiro do Medio Rural participou por videoconferencia na conferencia sectorial e no consello consultivo de Agricultura, que estivo presidida polo ministro Luis Planas
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022. O conselleiro do Medio Rural, José González, advertiu hoxe que o sector primario está “nun momento moi complicado no que ten que primar a sustentabilidade económica das nosas explotacións agrícolas e gandeiras, por cuestións de autosuficiencia alimentaria”. Por iso, insistiu en reclamar a flexibilización dos compromisos ambientais no desenvolvemento e aplicación da nova Política Agrícola Común. José González fixo estas aseveracións esta mañá durante a súa participación por videoconferencia na conferencia sectorial e no consello consultivo de agricultura e desenvolvemento rural, que estivo presidida polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
Así, o conselleiro amosou a preocupación de Galicia polo incremento dos custos de produción no eido primario, especialmente no vacún de carne. Así, González sinalou que mentres o sector lácteo “reaccionou axeitadamente a esta situación, pola vía do incremento do prezo”, no caso do cárnico seguen constatándose dificultades, por esa suba dos custos que non se repercute no prezo final.
Por iso, o conselleiro reiterou que é precisa esa flexibilidade tanto no ámbito de aplicación dos chamados ecoesquemas como na condicionalidade reforzada para o cobro das diferentes axudas directas da PAC. Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que Galicia e outras comunidades autónomas xa tiñan advertido ao Goberno central que cando se decidiron as axudas directas polo impacto da invasión rusa de Ucraína deberíase ter dado máis marxe ás autonomías para decidir que sectores apoiar con maior intensidade. É o caso do cárnico galego, por exemplo, que segundo o conselleiro cómpre seguir apoiando. E así o fará a Xunta, ao abeiro das axudas directas que convocará no vindeiro ano e que algúns gandeiros xa puideron anticipar pola vía dos anticipos de entidade bancaria.
Etiquetaxe frontal
Sobre a etiquetaxe frontal do envase e o seu impacto na etiquetaxe de alimentos sustentables, José González trasladou a preocupación da Xunta polo que pode afectar negativamente ao sector do viño, que -advertiu- “é moito máis ca un produto”. Así, engadiu, trátase dun elemento de dinamización do territorio, cando menos nas comarcas vitivinícolas galegas, e isto debe terse en conta á hora de regular a etiquetaxe.
En relación co plan de fitosanitarios, Galicia defende a sustentabilidade ambiental das súas explotacións, pero alerta de que hai outros países europeos que non están sendo tan esixentes nesta materia. A Xunta pide, pois, que neste tema se teña a mesma sensibilidade que no caso dos ecoesquemas, no momento da aplicación das esixencias ambientais. Así, o Goberno galego reclama, en todo caso, que non se vaia máis alá do que se lles esixe a produtos de terceiros países (extra-comunitarios) que chegan á UE sen pasar todos os controis pertinentes.