O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que ambas administracións asinaron un convenio con cargo ao Fondo de cooperación con municipios de menos de 50.000 habitantes para impulsar a rehabilitación e conservación do patrimonio
A Pontenova, 5 de decembro de 2022. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición do Concello da Pontenova 150.000 euros para destinar á adquisición do complexo da Ferrería de Bogo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que ambas administracións asinaron un convenio de colaboración con cargo ao Fondo de cooperación cos municipios de menos de 50.000 habitantes para impulsar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
Este programa financia, a través de préstamos sen intereses, a adquisición de inmobles para a súa posterior restauración, así como intervencións de recuperación e rexeneración urbanas.
Neste caso, o acordo asinado establece que o Concello da Pontenova deberá repoñer os fondos percibidos nun prazo de oito anos a contar desde o 2023. A contía fixada para cada anualidade é de 18.750 euros.
Arias explicou que con esta medida a Consellería facilita que as entidades locais acometan accións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, tanto para recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación como para protexer o patrimonio cultural e arquitectónico, o medio ambiente, a paisaxe e o territorio. A convocatoria deste ano está dotada con 11,3 millóns de euros.