O rexedor e a edil de Patrimonio, acompañados polos técnicos municipais, estiveron esta mañá na propiedade vendo in situ as posibilidades que ofrece pensando en abrir San Cibrao ao mar, mantendo a edificación existente
Cervo, 1 de decembro de 2022. O rexedor, Alfonso Villares e a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés, estiveron esta mañá, acompañados polos técnicos municipais, na finca e na vivenda anexa ao Museo do Mar “que xa son propiedade de toda a veciñanza”, para valorar in situ as posibilidades que ofrece “sempre pensando en incrementar os recursos culturais e patrimoniais do Concello” que foi o obxectivo co que se adquiriu esta propiedade por un valor de 161. 175,40 euros.
Así, Villares anunciou que desde o Concello de Cervo imos encargar agora un proxecto “co fin de ampliar a dotación cultural do municipio”, ao tempo que analizamos tamén cales serían as mellores opcións á hora de acondicionar toda esa contorna privilexiada, tendo en conta un lugar no que está situada a edificación; co obxectivo de abrir unha “nova ventá de San Ciprián ao mar” e reforzar ese vínculo desta vila mariñeira, mantendo a estrutura da vivenda.