Burela, 30 de novembro de 2022. Alcaldes, concelleiros e militantes socialistas participaron este mércores en Burela, diante do centro de saúde, na manifestación convocada en defensa da calidade asistencial no servizo de Atención Primaria. Durante esta concentración tamén se recolleron firmas para a Iniciativa Lexislativa Popular coa que se demanda reforzar a Atención Primaria.
O PSdeG leva denunciando insistentemente “o deterioro constante da atención nos centros de saúde, que leva varios meses sendo noticia polo desborde que está sufrindo e as protestas de profesionais e usuarios en toda a provincia”. Ademais, advirte do perigo de que se estea a normalizar algunhas situacións excepcionais, como as listas de espera de 15 días en Atención Primaria, os PACs sen médico, que non haxa pediatras nos centros de saúde,poñer aos MIR a traballar como médicos sen titor ou obrigar ao persoal de enfermaría a exercer de médicos.
Recortes en Viveiro coa falta de pediatras, non se cubren as baixas, nin as vacacións e tampouco se incrementan os profesionais naqueles concellos onde aumenta a poboación. “Estamos ante un Goberno autonómico que non cre na sanidade pública e aposta por un modelo centralizado que camiña cara unhas urxencias cun sistema saturado ou cara a sanidade privada”, advirten os socialistas.
Precisamente no pleno ordinario da Deputación de Lugo deste mes, celebrado onte, o Grupo Socialista defendeu unha proposta para demandar á Xunta de Galicia un plan de choque que reforce a atención pediátrica na provincia de Lugo, tanto con profesionais como con medios, e que saíu adiante coa abstención do PP.